Monstros
Espectáculo teatral infantil a cargo da compañía Producións Teatráis Excéntricas
No exterior dunha sinistra casa, catro personaxes miran por unha fenda. É unha visión terrible, pavorosa. Intúense seres saídos dos peores pesadelos agochados entre as sombras. O nervio e o terror apodéranse do ambiente, as palabras atropélanse nas bocas. Será certo que aquel lugar está habitado por un monstro? Si, iso parece. Pero como é? Atréveste a vir con nós e mirar á terrible criatura á cara?
Monstros é un espectáculo familiar que reflexiona sobre aquelo que consideramos monstruoso e tal vez por iso nos aterroriza. Pero faino desde o humor, porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta. Este espectáculo é unha viaxe. Acompañando a estes catro personaxes asistimos a un desfile de criaturas terroríficas que nos acaban ensinando que o atroz está nos ollos de quen mira. O que é diferente a nós, por veces, resulta aterrador. Unha vez que nos enfrontamos ao monstro e incluso xogamos construír o noso propio, nós tamén cambiamos. E se non é tan diferente a nós? Agora que nos atrevemos a tocalo coas mans, somos a mesma persoa á que aterrorizaban as sombras?
Monstros é o artefacto divertido que nos conta que aprender a convivir cos nosos medos axúdanos a entendernos a nós e ás demais persoas, a aceptar as nosas propias monstruosidades.
Monstros é unha proposta para público escolar e familiar creada por María Lado e Lucía Aldao e dirixido por Marcos Orsi. Esta nova xira do espectáculo retomouse no mes de outubro como homenaxe especial a Piti Sanz, o músico e pallaso da compañía que faleceu o pasado mes de maio. O personaxe de Max, un neno que se expresa a través da música, foi unha creación máxica de Piti Sanz que lograba cativar ao público infantil. Nestas novas funcións, o seu lugar é ocupado polo actor Marcos Orsi, quen tamén dirixe a obra nun reparto onde figuran os coñecidos intérpretes galegos: Patricia Vázquez, Rocío González e Víctor Mosqueira.
Autoría: Lucía Aldao e María Lado
Dirección: Marcos Orsi
Escenografía: Kukas
Música e deseño son: Piti Sanz
Deseño iluminación: Octavio Mas
Elenco: Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Patricia Vázquez