Share
17/05/2025 - 23:00h | Sala Guión | Pontedeume

Leria

Leria
Rede galega de música ao vivo

Leria é un proxecto coruñés que xorde no 2021 nas rúas da Coruña, pasando por diversas salas e bares da comarca. Unha aposta pola música indie na nosa lingua que ten, entre outros referentes, a bandas como Love of lesbian, Ginebras, Vetusta Morla ou Miss Cafeína. Gañadoras do concurso “Novos Valores”, abriron as festas do Apóstolo (Santiago de Compostela) no Festigal, compartindo escenario con artistas referentes en Galicia como Fillas de Cassandra, Grande Amore ou Dios Ke Te Crew.

O seu primeiro disco, Marusía, recolle todos os temas do directo destes últimos dous anos. A meirande parte, cancións autocompostas que toman como fonte de inspiración o mar, o lume e/ou a natureza no seu conxunto, que van dende odas á ledicia, pasando polo intimismo, ata temas máis descarados e atrevidos. Unha aposta polo indie-pop en galego, con letras coidadas e unha banda sonora emocionante. 

Unha proposta de directo sólido, enérxico e divertido a partes iguais. O obxectivo: poñer a bailar ao público cos temas máis movidos e facelo gozar tamén con aqueloutros máis íntimos. Todo, baixo unha estética que se aferra a correntes artísticas coloridas e chamativas, cunha mensaxe reivindicativa, ao tempo que informal e divertida.

Leria son:

Andrea López (teclados e coros)

Mayra Vila (voz principal e guitarra)

Helena Barreiro (batería/percusión e coros)

Itzi de Blas (baixista e coros)