Gabinete Mirabilia
Gabinete Mirabilia

Achéguense ao Gabinete Mirabilia! Aquí poderán apreciar pezas moi peculiares, rarezas, abraios e as máis incribles curiosidades...marabíllense coa fauna imposible e as criaturas máis extravagantes da natureza! Contemple pequenas obras de arte e escoite misterios inexplicables... Nesta fantástica colección cada obxecto ten a súa historia...ou cada historia ten o seu obxecto?
Gabinete Mirabilia é un espectáculo inspirado nos cuartos das marabillas ou gabinetes de curiosidades, armarios ou pequenas estancias onde se coleccionaban obxectos encantados e misteriosos, aparellos científicos, antigüidades, exemplares exóticos e todo tipo de prodixios.
Esta particular colección dará pé a unha serie de relatos e historias a medio camiño entre o real e a fantasía, entre o máxico e o científico... entre o engano e a diversión.
Unha peza de narración oral e obxectos co que Pablísimos celebra 25 anos enriba dos escenarios!
'Os contos de Pablísimo' é unha compañía especializada en contacontos, teatro de animación á lectura e teatro infantil. Os seus espectáculos de pequeno e mediano formato toman sempre como base a literatura infantil (contos clásicos, contemporáneos e de creación propia) a tradición oral e o teatro. Fundada no ano 2001, leva producidos máis de 20 espectáculos mesturando neles monigotes, música en vivo, teatro de sombras, vídeo, narración oral, etc.