Ecoralia canta, conta e debuxa
Espectáculo de música a cargo de Pakolas

Nas entrañas da carballeira máis extensa de toda Galicia, onde a vexetación é máis mesta e verde, vivía Ecoralia. Sempre vestía da cor do musgo e levaba unha trenza longa e roxa recollida cun estalote. Ecoralia era unha meiga moi nova e boa coñecedora de conxuros ancestrais aprendidos das súas avoas. Pero ela non era coma as demais.
Ademais de Ecoralia, moitas personaxes poderedes coñecer neste novo traballo musical, como o seu compañeiro Mistín, o lucecú, que vivía no medio das flores amarelas de xestas empregadas para os os seus conxuros. E, se Ecoralia era diferente ás demais meigas, Mistín era diferente aos demais lucecús, xa que tiña un semáforo no traseiro! Ramón o teixugo dispoñía do ultramarinos da vila. Sempre había alimentos coa etiqueta ECO de CRAEGA: froitas e legumes, leite, carne, ovos, mel e mesmo alimentos do mar. Os alimentos ecolóxicos sempre sentaban ben!. Tamén as tías Rosa e Mónica, dúas irmás xemelgas que coidaban das súas hortas coma ninguén. E por último Don Arsenio, que recollía unhas enormes mazás todo o ano! Como podía ser? Todas estas personaxes e historias poderás coñecer neste novo espectáculo rockeiro, e desvelar este misterio.
Un espectáculo onde a interacción coas nenas/os, a súa música acompañada por contos e historias, e as cores e debuxos en directo de Laura Romero son o principal atractivo para o público. Esta proposta multidisciplinar crea así unha escena na que non so se pode gozar da música de Pakolas, senón tamén do debuxo e as cores que a rodean. Un espectáculo para todos os sentidos.