Dune
David Lynch, 1984

A única longa que Lynch se arrepentiu de facer e que detestaba profundamente era Dune. Adaptar a saga literaria de Frank Herbert, na que o herdeiro da casa Atreides, Paul, loita polo control do planeta Arrakis contra os Harkonen, non é tarefa sinxela. A mixtión política –ao contrario do que ocorre na recente adaptación de Denis Villeneuve, moito máis ordenada– non parece interesar demasiado ao autor, senón o control da prezada especia, un elemento que libera mente e espírito. Por algo están Brian Eno e Toto na banda sonora e fai acto de aparición un colocado Sting como malvado antagonista. Esta psicodélica e maxestosa nave encallou nas dunas de Arrakis, pero o estrambótico resultado xerou cos anos unha lexión de fans que elevaron a status de culto unha estrafalaria, errada, fascinante, titánica produción.