Concerto tributo 'Lembra Xabarín'
Un espectáculo musical a cargo do grupo Priscila
Son ás 6 da tarde: bocata de chourizo fronte ao televisor e os ollos coma pratos. Songoku, Arale e Novita falan en galego!
O concerto tributo LEMBRA XABARÍN convida aos pequenos e pequenas a compartir o amor pola nosa lingua a través dos debuxos animados e a música.
A proposta deste concerto é rememorar os anos oitenta e noventa a través da música que encadenaba os capítulos dos debuxos animados no Xabarín clube. Daquela, falar galego era rock&roll, era punk, era desafiar ao sistema.
LEMBRA XABARÍN convídanos a unha viaxe temporal, musical e lingüística a través dos Heredeiros da Crus, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Victor Coyote, Blood Filloas, La Marabunta ou Siniestro Total. O obxectivo é achegar a música rock en galego que marcou unha xeración e as xeracións que viñeron despois. Un concerto para público infantil e familiar para divertirse, bailar e rememorar o legado cultural que O Xabarín nos deixou.
No escenario, Fer González (voz), Yenina Alonso (voces), Aitor Salgado (batería), Dani García (guitarra), Fran J. Gómez (guitarra) e Borja Iglesias (baixo).