Cincuenta, solteira e sen guión
Un monólogo cómico de Ángeles Goás
Que pasa cando a vida che rompe o plan… e ti decides facer stand-up ou “algo parecido” con iso? En Cincuenta, solteira e sen guión, unha muller, despois do divorcio fala dese momento marabilloso no que te miras ao espello e dis “e agora que demo fago?”… e convérteo nun espectáculo cheo de retranca e gargalladas.
Neste monólogo, fálase desa especie de funeral e festival que vén sendo unha separación, da primeira vez que volveu saír de festa e pensou: “Esta xente naceu despois do meu primeiro microondas”. Da marabillosa liberdade de durmir en diagonal na cama. E do emocionante —e terrorífico— mundo das citas a certa idade, onde todos din que buscan “alguén sinxelo” pero traen tres traumas, varios fillos e unha bicicleta estática sen usar.
É un espectáculo para rir das expectativas, para celebrar as segundas oportunidades e para lembrar que nunca é tarde para cambiar de capítulo.