Share
18/10/2024 - 20:30h | Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil | Muros

Cadaval conta... vacas, guerras, porcos e cregos

  • Producións Teatrais Excéntricas

Cadaval conta... vacas, guerras, porcos e cregos
Rede Galega de Teatros e Auditorios

Quico Cadaval desenvolve dende os anos 90 do pasado século unha actividade como contador de historia e sucedidos. Este tipo de espectáculos, considerados a forma mais diminuta de teatro, son unha das mais poderosas chamadas á imaxinación do público, que ten que construír co narrador as imaxes da historia. Na actualidade, a narración escénica ten un amplo circuíto internacional ao que son convocados con frecuencia representantes da arte de contar contos na Galiza. Desde fóra ven unha identidade estilística ou un estilo nacional que nos singulariza no xénero da palabra viva.

Nos últimos anos, Quico Cadaval está transformando os seus repertorios en espectáculos de teatro, do teatro da palabra. En 2018 xirou con OS INOCENTES, unha colección de historias acontecidas na guerra nosa do 36, protagonizadas por tres inocentes, que descubrían, dende as suas mentes brancas, o absurdo mecanismo co que as mentes intelixentes provocan a guerra e a desolación. Unha coidada luz e unha vontade nitidamente teatral aumentaban a maxia da evocación por medio da palabra.

En 2019 e seguindo o mesmo estilo de OS INOCENTES, baixo o epígrafe QUICO CADAVAL CONTA... Producións Teatrais Excéntricas presenta VACAS, GUERRAS, PORCOS E CREGOS. Cadaval conta a historia dun antepasado, Xuán O Fino, que era un home bo coa familia, pacífico e bo veciño, amigo de facer favores. Un personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o entorno do patriarca, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos.

Son coprotagonistas da historia vacas, curas, mentireiros, sementais, barbeiros, porcos, artistas de cine e militares. Aparecerá o parto dunha vaca, a historia da prohibición da aguillada, o uso do xabrón como silenciador, o brutal acto inseminativo, un militar pasando ferias, as nenas vaqueiras, un crego que domina a Lüger e a retórica, un barbeiro profético, fenómenos extraños na noite de vodas. Entre todas as personaxes desta fábula coral, destaca O Ghacheiro, un performer fedello, enredante e pícaro, que fai confluír, para asombro da veciñanza, unha das súas farsas co desembarque de Normandía, o 6 de xuño de 1944. O escenario das operacións é a parroquia de Carreira 42º23'33”, xusto enfrente de Boston-Masachusetts.

VACAS, GUERRAS, PORCOS E CREGOS é o primeiro dos espectáculos de Excéntricas estreados en 2019 con motivo do seu 15º aniversario. Foi estreado o 8 de xaneiro no Festival Poéticas Contemporáneas de Madrid. Tras Madrid estivo e estará en diferentes festivais por toda a península, como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Sierra Encuentada (Huelva) ou o Singlot, o festival de humor creado e dirixido por Andreu Buenafuente e o seu equipo de El Terrat.