Brazaletes
Un espectáculo teatral de Amorodio Teatro
28 de setembro de 1975. Campos de Sport de El Sardinero. Domingo de partido. O Racing de Santander recibe ao Elche na xornada catro do campionato de Primeira División. O colexiado asubía e o encontro dá comezo. Sobre o céspede, o xogo discorre con absoluta normalidade, mais un murmurio agroma na grada cada vez que os xogadores locais Aitor Agirre e Sergio Manzanera tocan o balón. Nas mangas branquiverdes das súas camisas, o dianteiro centro e o extremo racinguistas levan dous cordóns negros a modo de brazaletes. Eles dous foron as únicas persoas, das miles que estaban aquela tarde no estadio santanderino, que, con ese pequeno xesto, se atreveron a desafiar a unha ditadura agonizante e a protestar contra os derradeiros fusilamentos do réxime franquista.
BRAZALETES, a nova produción de Amorodio Teatro, toma a acción simbólica de Agirre e Manzanera para vertebrar un espectáculo sobre futbolistas comprometidos en «la noche más larga» da historia da humanidade, como cantou Luis Eduardo Aute. Xogadores galegos coma Bebel García, o capitán do Dépor fusilado ao inicio da Guerra Civil, e internacionais coma Sócrates, a estrela do Corinthians e da Canarinha durante a ditadura militar en Brasil, soben ás táboas nesta montaxe unipersoal de Javier Castiñeira que busca cuestionar as políticas machistas, corruptas e violentamente
capitalistas do chamado «deporte rei». Porque, como escribiu Eduardo Galeano, «por suerte, todavía aparece en las canchas, aunque sea muy de vez en cuando, algún descarado carasucia que se sale del libreto y comete el disparate de gambetear a todo el equipo rival, y al juez, y al público de las tribunas, por el puro goce del cuerpo que se lanza a la prohibida aventura de la libertad».
Ficha artística
Autor: Ernesto Is
Dirección: Santiago Cortegoso
Escenografía: Amorodio Teatro
Deseño son: Vazone
Deseño iluminación: Violeta Martínez
Vestiario: Carmen García
Coreografía: Inés Santos
Elenco artístico: Javier Castiñeira