Share
25/10/2023 - 20:00h | Salón Teatro | Santiago de Compostela

Biber, as Sonatas do Rosario. Virtuosismo e devoción

  • Festival Ateneo Barroco

MUSIca ALcheMIca

MUSIca ALcheMIca
LINA TUR BONET violín / dirección

Versátil, sensible e activa violinista de crecente prestixio, Lina Tur Bonet e o seu conxunto, Musica Alchemica, presentan unha desas obras únicas na historia da arte, as Sonatas do Rosario, compostas por Heinrich Ignaz Franz von Biber no Salzburgo do século XVII e das que non houbo novas composicións durante máis de dous séculos. As singulares e prodixiosas Sonatas do Rosario son o máis representativo do amplísimo repertorio legado aos violinistas por Biber, un compositor cuxo virtuosismo, ao servizo de elevados ideais artísticos e humanos, está afastado do exhibicionismo; e son tamén unha mostra do amplísimo coñecemento dos recursos expresivos e técnicos do seu instrumento por parte dun autor que, como intérprete de violín, gozou dunha fama que transcendeu fronteiras e foi considerado por moitos o primeiro virtuoso do violín.

Lina Tur Bonet é tamén unha desas artistas cuxa fama traspasa fronteiras, desenvolvendo unha carreira como violinista e directora tan versátil como persoal. O seu amor pola música e a súa inesgotable curiosidade permítelle interpretar e investigar un repertorio que abrangue máis de 400 anos de música, sempre con instrumentos orixinais e tendo estreado obras de violín só escritas para ela por José María Sánchez Verdú, Mauricio Sotelo e Josep María Guix. Tras traballar dende moi nova xunto a moitos dos artistas máis recoñecidos da música barroca, romántica e contemporánea do momento e de dedicarse como solista á interpretación e gravación tanto dos grandes compositores como de músicas inéditas, Lina Tur Bonet converteuse nun referente, sendo reclamada como solista e para dirixir orquestras de primeira orde dende o seu violín por todo o mundo. Lina Tur Bonet é fundadora e directora da agrupación MUSIca ALcheMIca e, actualmente, é catedrática de violín e viola barrocos na Musikhochschule Franz Liszt de Weimar e concertino de Le Concert des Nations con Jordi Savall.

PROGRAMA

HEINRICH IGNAZ FRANZ VON BIBER (1644-1704)
ROSENKRANZSONATEN
(Sonatas do Rosario)

Misterios Gozosos

Sonata I en re menor: A Anunciación, C 90
    Praeludium – Aria – Variatio – Adagio

Sonata II en La maior: A Visitación, C91
    Sonata – Allemanda – Presto

Sonata IV en re menor: A presentación no templo, C 93
    Chacona 

Misterios Dolorosos

Sonata VI en do menor: A agonía de Xesús na horta de Getsemaní, C 95
    Lamento – Adagio – Presto – Adagio

Sonata IX en la menor: Xesús coa cruz ás costas, C 98
    Sonata – Courante – Double – Final

Sonata X en sol menor: A Crucifixión e morte de Xesús, C 99
    Praeludium – Aria – Variatio

Misterios Gloriosos

Sonata XIV: A Asunción da Virxe, C 103
    [Praeludium] – Aria – Gigue

Passacaglia en sol menor para violín só: “O Anxo da Garda”, C 105
    Adagio – Allegro – Adagio

MUSIca ALcheMIca
ANDREW ACKERMAN  violone
DANIEL OYARZÁBAL órgano / clave
LINA TUR BONET violíns barrocos / dirección