Banda sonora para un golpe de estado
Johan Grimonprez, 2024
Partindo da influencia dos músicos afroamericanos de jazz como embaixadores culturais dos Estados Unidos nos anos cincuenta e sesenta en África e Asia, Grimonprez monta a ritmo de hard bop unha intricada trama sobre os movementos de descolonización. Centra a súa atención no Congo como territorio de enfrontamento na Guerra Fría, o que derivou no asasinato do seu primeiro presidente como país libre, Patrice Lumumba, e sentou as bases do imperialismo moderno poscolonial. Con diversas filmacións de arquivo editadas con rigor histórico e elaboradas digresións, a fita innova nos grafismos en pantalla, evocadores dos do selo Blue Note e cunha función estética e narrativa alén do simple traslado de información. Un documental tan complexo como ben estruturado, comprometido sen resultar aleccionador.