Share
18/07/2026 - 22:00h | Ponte Maceira | Ames

Balteira

  • Xira 2026

Balteira
Cultura no Camiño

O cuarteto Balteira nace a finais do 2025 en Betanzos da man de Cris Sánchez e Noa Migal (voces e percusións), Álex Fente (acordeón) e Pablo Pacior (ventos). A súa proposta céntrase na recuperación do repertorio oral galego, incorporando arranxos contemporáneos pero respectando a estrutura e a emoción das pezas tradicionais.

Os cantares que sempre encheron de festa os torreiros e as melodías instrumentais para o baile, son o eixo sobre o que xiran os seus concertos, mantendo o espírito da foliada desde a calidade técnica e interpretativa destes catro grandes da nosa música tradicional. Entre as gravacións xa editadas, destacan o Maneo de Anxeriz, con arranxo de Pedro Lamas, e a Muiñeira de Bardaos.

Os seus integrantes proceden de proxectos tan recoñecidos como Tiruleque, Xose Lois Romero & Aliboria, Comando Curuxás ou Habelas Hainas, e contan cunha grande bagaxe como intérpretes e docentes de música tradicional en diferentes asociacións e escolas de todo o país.

O nome da agrupación fai referencia á soldadeira medieval María Pérez ‘A Balteira’, figura histórica vinculada á liberdade e á transgresión social; fonte de inspiración e símbolo do carácter renovador do proxecto.

Balteira é a forza da renovación na tradición galega.