Share
01/03/2026 - 18:30h | Auditorio Reveriano Soutullo | Ponteareas

As Alumnas

  • Espectáculo teatral de Culturactiva

As Alumnas
Rede galega de teatros e auditorios

 Elvira Fontao e Rosa Lires, antigas alumnas de María Barbeito, volven atoparse na data da morte da mestra, no ano 1970. Xa son mulleres.  Atrás queda a infancia, o mundo que lles abriu  a mestra antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Porén, son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A  través desas cartas, e da reconstrución daqueles tempos nos que eran as mellores amigas, iremos descubrindo como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

 A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental da obra. As dúas personaxes femininas representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil, que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento.

A forma da peza parte desa pedagoxía que recolle María Barbeito de Maria Montessori  ou Ovide Decroly: centros de interese, láminas ilustradas, a torre rosa, as imprentas infantís, os traballos de clase, os debuxos, a música, a  observación da natureza, o coidado e o respecto polas necesidades de aprendizaxe de cada nena.

AS ALUMNAS é unha montaxe teatral que propón unha fábula potente que transita pola memoria histórica e que se tece con vimios temáticos tan vizosos como o son a anovación pedagóxica, tanto en Galicia como no Estado, da que María Barbeito foi abandeirada; o exilio interior ao que foi sometida tralo proceso de depuración do que, como tantos outros intelectuais galegos, foi víctima, e a sororidade entre as tres protagonistas da peza como estratexia de supervivencia nunha sociedade machista e patriarcal.

PREMIO NACIONAL DE LITERATURA DRÁMATICA 2023

PREMIO FOLLAS NOVAS 2023 Á MELLOR OBRA DE TEATRO

 

Ficha artística

Autoría: Paula Carballeira

Dirección: Fina Calleja

Escenografía: Carlos Domínguez del Río

Deseño son e iluminación: Javier Ayude 

Vestiario: La Canalla

Elenco artístico: Mónica Caamaño e Anabell Gago