Share

Residencias Paraíso: convocatoria

A Axencia Galega das Industrias Culturais colabora por noveno ano consecutivo co colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, no financiamento do seu programa Residencias Paraíso de estadías artísticas de danza e artes vivas.

Esta novena edición da iniciativa, para o que o prazo de solicitude está aberto ata o 7 de marzo, acollerá un máximo de oito proxectos en residencia cun importe total de 20.000 €. Poderán participar artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dunha proposta de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

As estadías desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Centro Dramático Galego e na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, no Vello Cárcere de Lugo, no Pazo da Cultura de Carballo, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, na Casa da Cultura de Vimianzo, na Casa da Cultura de Corcubión e no Pazo da Cultura de Narón.

Paralelamente, as e os artistas residentes participarán no encontro anual na illa de San Simón, que terá lugar do 12 ao 14 de setembro.

Ademais de co apoio económico da Xunta de Galicia, as Residencias Paraíso contan como entidades coprodutoras coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión e Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.