Share

Residencias Paraíso 2026: proxectos seleccionados

artistas paraiso 2026

A Axencia Galega das Industrias Culturais colabora por décimo ano consecutivo co Colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, no financiamento do seu programa Residencias Paraíso de estadías artísticas de danza e artes vivas.

Entre os 209 proxectos recibidos nesta convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, seleccionáronse dez propostas. 

Os creadores galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. No Vello Cárcere de Lugo terán lugar dous proxectos: a arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza e o músico e o artista performativo asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. Na residencia combinada entre La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam afondará na creación de Phantom. Na residencia en Artistea (Ponteareas), o colectivo galego–navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, traballará na peza Botar de menos o futuro. O bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez desenvolverá o proxecto Transfixión nunha residencia situada no Convento de Santa Clara, no marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Na estadía na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, estará o bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen. O artista brasileiro–portugués Pedro Vilela investigará no proceso de creación de Zoombies na Igrexa da Madalena, no marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). 

Finalmente, a residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro-Centro Dramático Galego, en Santiago de Compostela, acollerá dous proxectos. Por unha parte, o equipo multidisciplinar formado pola compositora BFlecha, o produtor musical Mwëslee, a cineasta Diana Toucedo e os artistas performativos Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld, desenvolverá o proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí). Por outra, os investigadores e artistas galegos Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü traballarán sobre Monxa Millo Sentinela.

Estas estadías desenvolveranse entre maio e outubro de 2026. Ademais, os e as 'Artistas Paraíso 2026' tamén participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.