Share

Residencias Paraíso 2026: convocatoria

A Axencia Galega das Industrias Culturais colabora por décimo ano consecutivo co colectivo RPM, entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia, no financiamento do seu programa Residencias Paraíso de estadías artísticas de danza e artes vivas.

Esta décima edición da iniciativa, para o que o prazo de solicitude está aberto ata o 8 de marzo, acollerá un máximo de dez propostas en residencia cun importe total de 25.000 €. Poderán participar artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas.

As estadías desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Centro Dramático Galego e na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, no Vello Cárcere de Lugo, no Pazo da Cultura de Carballo, na Igrexa da Madalena de Ribadavia, na Casa da Cultura de Vimianzo, no Pazo da Cultura de Narón, no Convento de Santa Clara en Pontevedra, na Fábrica de Oleiros, en Artistea en Ponteareas e no Espazo RPM na Coruña.

Paralelamente, as e os artistas residentes participarán no encontro anual na illa de San Simón, que terá lugar do 18 ao 20 de setembro.

Ademais de co apoio económico da Xunta de Galicia, as Residencias Paraíso contan como entidades coprodutoras coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia e Deputación de Pontevedra.