PALCO. Ampliado ata o 10 de agosto o prazo da convocatoria de programación artística
PALCO, o primeiro gran encontro galego da industria musical, amplía o prazo de presentación de programacións artísticas ata o 10 de agosto de 2026.
Un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e que se celebrará do 3 ao 5 de novembro en Santiago de Compostela.
Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector musical. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do Plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.