Share

PALCO. Aberta ata o 10 de setembro a convocatoria de presentacións breves e pitchings

Palco pitchings

PALCO, o primeiro gran encontro galego da industria musical, abre ata o 10 de setembro unha convocatoria para a presentación de proxectos, iniciativas e propostas vinculadas á industria musical.

Estas pequenas presentacións, de 5 minutos de duración máxima, están pensadas como un espazo para dar a coñecer ideas, servizos, ferramentas ou proxectos ante profesionais do sector, favorecendo a creación de contactos, colaboracións e novas oportunidades.

PALCO é un proxecto codeseñado no marco do Plan Estratéxico da Industria Musical de Galicia, organizado pola Asociación Galega de Empresas Musicais e a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e que se celebrará do 3 ao 5 de novembro en Santiago de Compostela.

Nace da vontade compartida de reforzar a conexión, a vertebración e a proxección do sector musical. A súa creación responde a unha das principais conclusións extraídas durante o proceso de elaboración do Plan: a necesidade de contar con espazos compartidos, útiles e sostibles, pensados desde dentro da propia industria e ao servizo das súas necesidades reais.