Master class coa coreógrafa Paloma Muñoz: inscrición ata o 2 de outubro
Paloma Muñoz ofrecerá o workshop Imaxinario - Corpo dirixido a profesionais da danza. Será o venres 3 de outubro en horario de 11,00 a 13,30 horas na sede do Centro Coreográfico Galego (Praza Agustín Díaz Sánchez s/n, A Coruña).
A sesión dividirase en dúas partes. A primeira delas estará dedicada a un quecemento centrado na entrega do peso, as aliñacións e o traballo interno, a partir de imaxes e conceptos que Paloma Muñoz foi recompilando e adaptando ao longo da súa traxectoria. Compartirá unha visión do corpo influenciada por prácticas como Gyrotonic e diversas técnicas de danza contemporánea e improvisación. Na segunda parte, traballarase desde a creación: partindo de conceptos ou imaxes concretas, iranse construíndo corpos, explorando como estas ideas se poden transformar en movemento e en pequenas composicións físicas.
A inscrición é gratuíta e está aberta ata o 2 de outubro. Hai 25 prazas que se cubrirán por estrita orde de chegada ao correo electrónico formacion.ccg [at] xunta.gal