Luns na Filmoteca - Galicia ProFilme: encontro con Olimpia Pont Cháfer o 8 de xuño

O programa de encontros profesionais Luns na Filmoteca-Galicia ProFilme recibe o vindeiro 8 de xuño, ás 16,00 horas, na Sala José Sellier da Filmoteca, na Coruña (r/ Durán Loriga, 10), a OIimpia Pont Cháfer, con que se abordarán distintos aspectos da distribución internacional de cine.
Durante a sesión, compartirá ferramentas e estratexias para impulsar a circulación internacional de proxectos audiovisuais, cunha presentación especial do TorinoFilmLab. Tamén falará sobre a cadea de valor do sector e do papel das axencias de vendas no percorrido internacional das películas. A cita concluirá cun espazo aberto de preguntas e conversa entre todas as persoas asistentes.
Olimpia Pont Cháfer é unha profesional española afincada en Berlín (Alemaña) cunha ampla traxectoria nos ámbitos dos festivais, as vendas internacionais, a distribución e, máis recentemente, a produción cinematográfica. Durante máis de oito anos traballou en The Coproduction Office, onde dirixiu o departamento de vendas. Desde 2020 é responsable do departamento de Industria de TorinoFilmLab. En 2023 fundou Ventall Cinema, cuxa primeira coprodución, Romería, de Carla Simón, foi rodada en Galicia co apoio da Xunta e estreouse na competición oficial do Festival de Cannes 2025. Como consultora independente, participa de xeito regular en comités e conferencias internacionais e coordina o departamento de adquisicións internacionais da distribuidora alemá Piffl Medien.
Cómpre confirmar asistencia no correo electrónico audiovisual.agadic [at] xunta.gal (audiovisual[dot]agadic[at]xunta[dot]gal). Tamén se pode solicitar cita previa coa convidada para consultas sobre proxectos cinematográficos en marcha escribindo a ese mesmo mail ata o xoves 4 de xuño. A axenda de reunións establecerase por orde de solicitude.