Share

Laboratorio de creación escénica inclusiva – ENFORMA: inscricións ata o 20 de febreiro

No marco de ENFORMA, un programa formativo da Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Dramático Galego, os días 27 e 28 de febreiro terá lugar Ás veces está ben perderse. Trátase dun laboratorio de creación escénica dirixido a corporalidades disidentes, pensado como espazo de investigación, xogo e creación a partir do propio corpo e da identidade de cada participante. 

A formación é gratuíta e está dirixida a artistas con e sen discapacidade, persoas xordas, estudantes e profesionais do teatro, da danza e performers, e propón afastarse dun teatro psicolóxico tradicional para explorar novas linguaxes escénicas nas que o corpo, o espazo e a percepción se converten en materiais centrais do proceso creativo, xerando un espazo común de aprendizaxe accesible, inclusivo e colaborativo. A actividade estará impartida por Magda Labarga, narradora oral, directora e autora cunha ampla traxectoria en procesos de creación escénica inclusiva, tanto a nivel estatal como internacional, sendo una referencia no ámbito da escena social e da diversidade funcional.

O laboratorio nace do desexo de traballar xunto a artistas con diversidade funcional, persoas xordas e corpos non normativos, e está directamente vinculado á creación do espectáculo Somos os monstros, coprodución de Berrobambán co Centro Dramático Galego e Comédias do Minho.

As inscricións poden realizarse a través deste formulario en liña ata o 20 de febreiro de 2026.