Galicia Escena PRO: inscrición de espectáculos ata o 14 de marzo
A Axencia Galega das Industrias Culturais e Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) organizan unha nova edición do mercado profesional de artes escénicas Galicia Escena PRO, que se desenvolverá do 27 ao 30 de maio de 2024 en Santiago de Compostela.
Como en anos anteriores, o evento conxuga a exhibición de espectáculos completos e presentacións en formato pitching con xornadas formativas e encontros profesionais.
Co fin de configurar a programación deste nova entrega de Galicia Escena PRO, abrimos o prazo de inscrición de espectáculos, que pode formalizarse do 1 ao 14 de marzo a través da área profesional da web https://galiciaescenapro.gal.
As compañías profesionais galegas poden presentar as súas propostas nestes formatos e coas seguintes condicións:
- Formato completo
- Espectáculos estreados entre o 1 de xuño de 2023 e o 26 de maio de 2024. Poderanse presentar, así mesmo, espectáculos para a súa estrea dentro da programación de Galicia Escena PRO.
- A organización asume o 40 % do caché (sen necesidades técnicas) que figura na oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
- Formato pitching
- Presentación de proxectos de espectáculos pendentes de estrea. Durante 6 minutos, a compañía poderá dar a coñecer a súa proposta.
- Neste formato a organización non asume ningunha remuneración económica.
No marco desta organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e Escena Galega, será esta asociación, a través dunha comisión artística integrada por profesionais do sector, a encargada da selección das propostas, coa finalidade de configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade, na que estean recollidas todas as disciplinas escénicas. As persoas integrantes da devandita comisión daranse a coñecer unha vez realizada a selección.