Share

Galicia ProFilme: Encontro Profesional da Exhibición Cinematográfica Galega o 9 de xuño

ProFilme Olimpia

Baixo o subtítulo Do espazo ao público: retos compartidos, estratexias comúns, a nova entrega do programa formativo Galicia ProFilme terá lugar o martes 9 de xuño, ás 11,00 horas, na Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, na Coruña (r/ Durán Loriga, 10). 

A xornada está concibida como un espazo de traballo compartido e de intercambio entre o sector, no que a presentación de casos de estudo e experiencias servirá como punto de partida para abrir unha reflexión sobre a situación actual da exhibición cinematográfica en Galicia e explorar posibles liñas de traballo conxunto.

A través da presentación de boas prácticas e da experiencia do programa MERCI, iniciativa que nos últimos anos se desenvolveu no Festival de Cine Europeo de Sevilla e na Seminci de Valladolid, abordaranse cuestións sobre a relación entre os espazos e os públicos, a dinamización de audiencias e os distintos factores que interveñen na exhibición cinematográfica.

Partindo destas referencias, a cita buscará crear un espazo para identificar necesidades específicas do contexto galego, compartir experiencias e detectar retos comúns, co obxectivo de pensar colectivamente posibles estratexias de futuro e formas de colaboración entre os distintos axentes do sector.

 

Trataranse os seguintes aspectos:

  • Defender a singularidade e o valor da experiencia colectiva do visionado en sala

  • Como atraer e fidelizar públicos, tanto aqueles que deixaron de asistir como novas audiencias

  • Posibilidades e melloras na comunicación

  • Explorar novas propostas e dinámicas

  • Posibles accións colectivas: comunicación en rede, coloquios compartidos e outras iniciativas conxuntas

  • Formación en exhibición para novas xeracións

  • Posibles liñas de apoio económico por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais: ideas para a súa aplicación e requisitos.

Máis alá dun formato expositivo, a intención é favorecer un espazo de diálogo, escoita e construción colectiva que poida contribuír a fortalecer a rede de exhibición cinematográfica en Galicia.

O encontro estará conducido e moderado por Olimpia Pont Cháfer, quen acompañará a sesión combinando a presentación de casos prácticos co impulso ao intercambio e á reflexión compartida entre as persoas participantes.  

  • Cómpre confirmar asistencia no correo electrónico audiovisual.agadic [at] xunta.gal (audiovisual[dot]agadic[at]xunta[dot]gal) 

Olimpia Pont Cháfer é consultora cinematográfica española con sede en Berlín e conta cunha ampla traxectoria internacional vinculada á exhibición, programación, distribución e desenvolvemento de proxectos cinematográficos. Ao longo da súa carreira colaborou con festivais e iniciativas como o Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Festival de Cine Europeo de Sevilla, o Festival de Cinema de Sarajevo e a Seminci, onde participou no desenvolvemento do programa MERCI, unha iniciativa centrada na exhibición cinematográfica e na relación cos públicos.

A súa experiencia combina unha visión estratéxica da circulación das películas co coñecemento das dinámicas actuais do sector, especialmente en ámbitos relacionados coa creación e desenvolvemento de audiencias, os modelos de exhibición e a cooperación entre distintos axentes culturais. Actualmente é responsable de Industria do TorinoFilmLab e coordinadora de ADICINE, Asociación de Distribuidores Independentes Cinematográficos.