Share

Galicia Escena PRO: inscrición de espectáculos ata o 27 de febreiro

GEP 2026 prazo espectáculos

A Axencia Galega das Industrias Culturais e Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) organizan a 13ª edición do mercado profesional de artes escénicas Galicia Escena PRO, que se desenvolverá do 25 ao 28 de maio en Santiago de Compostela.

O evento combina a exhibición de espectáculos completos e presentacións en formato pitching con xornadas formativas e encontros profesionais. Co fin de deseñar a programación deste ano, abrimos o prazo de inscrición de espectáculos, que pode formalizarse do 16 ao 27 de febreiro, ás 15,00 h, a través da área profesional da web de Galicia Escena PRO.

As compañías profesionais galegas poden presentar as súas propostas nestes formatos e coas seguintes condicións:

  • Formato completo: espectáculos estreados entre o 28 de febreiro de 2025 e o 25 de maio de 2026. Poderanse presentar, así mesmo, espectáculos para a súa estrea dentro da programación de Galicia Escena PRO. A organización asume o 40 % do caché (sen necesidades técnicas) que figura na oferta da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
  • Formato pitching: Presentación de proxectos de espectáculos pendentes de estrea. Durante 6 minutos, a compañía poderá dar a coñecer a súa proposta. Neste formato, a organización non asume ningunha remuneración económica.

No marco desta organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais e Escena Galega, será esta asociación, a través dunha comisión artística integrada por profesionais do sector, a encargada da selección das propostas, coa finalidade de configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade, na que estean recollidas todas as disciplinas escénicas. As persoas integrantes da devandita comisión daranse a coñecer unha vez realizada a selección.