Films from Galicia 2024: aberto o prazo de presentación
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia está a actualizar o vídeo e o catálogo Films from Galicia de producións e empresas audiovisuais galegas que se difundirá nos mercados internacionais do sector durante 2024.
Para incluír as obras e proxectos no catálogo cómpre achegar, ata o venres 12 de xaneiro como data límite, os seguintes datos e materiais:
-
Información de producións e empresas, para o que se facilita o seguinte formulario en liña. Prégase que a información sexa clara e utilice linguaxe comercial. Ademais, a Axencia Galega das Industrias Culturais pon a disposición do sector un servizo de tradución ao inglés, polo que a información pode ser enviada no idioma orixinal. O formulario en liña permite achegar unha ligazón de descarga cos materiais que se describen a continuación.
-
Imaxes representativas do proxecto ou da obra rematada:
-
Cartel (en inglés) ou, no seu defecto, fotograma atractivo en calidade apta para impresión (tamaño mínimo 10 x 15 cm, 300 ppp).
-
Varias fotos da rodaxe, de ser o caso (300 ppp)
-
-
Teaser, tráiler ou, no seu defecto, cortes de vídeo, segundo proceda, con variedade de planos, a ser posible abertos, xunto co contrasinal de ser preciso. É interesante achegar cortes con son para poder extraer algunhas frases que lle poidan dar máis forza á mensaxe comercial do clip. Se a obra conta con imaxes de espazos naturais, contornas ou edificios representativos, agradécese o seu envío para distintas accións promocionais de Galicia como territorio de rodaxe.
IMPORTANTE:
-
No caso dos proxectos que conten con subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais, as convocatorias recollen a obriga de facilitar copias da documentación empregada na realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, tráilers e outros materiais) para actividades de promoción do audiovisual galego.
-
No caso das longametraxes cinematográficas rematadas, incluiranse unicamente películas que tiveran a súa presentación pública a partir do 1 de xaneiro de 2023.
-
No caso de producións para televisión e/ou plataformas, non se incluirán aquelas obras emitidas durante o ano 2023.
-
Aquelas obras que estean en fase avanzada de posprodución incluiranse como rematadas en 2024 coa finalidade de dar una imaxe o máis actualizada posible, sempre que se poida garantir a presentación durante este ano.
-
Non se admitirán proxectos en desenvolvemento que xa estiveran en dúas edicións anteriores se non houbera evolución neles.
-
No caso de series de ficción e animación para TV, só se admitirán primeiras e segundas temporadas.
-
É preciso completar un formulario por cada produción.