European Writers Club. Curso intensivo "Creación de series que poidan viaxar": convocatoria
No marco do programa European Writers Club (EWC), e baixo o título Creación de series que poidan viaxar, organízase un curso intensivo no que se abordarán os elementos chave e ferramentas para desenvolver historias que cheguen a audiencias máis amplas.
Coa participación de recoñecidos guionistas e produtores internacionais, grandes canles de TV europeas, plataformas, axentes de vendas, persoas expertas en audiencia e en formatos, este taller ten como obxectivo ofrecerlles aos guionistas e produtores participantes de Galicia e Madrid unha visión do panorama actual das series de televisión en Europa, así como unha introdución a algunhas das ferramentas máis recentes en deseño de audiencias e pensamento arredor do formato.
O taller levarase a cabo do 15 de setembro ás 20:00 h ata o 17 de setembro ás 13:00 h, desenvolverase en inglés e terá lugar en Madrid.
- Participación:
Seleccionaranse 16 guionistas (oito de Galicia e oito de Madrid) profesionais para participar neste taller intensivo. A participación é gratuíta e inclúe as comidas durante os días do taller. Os profesionais seleccionados deberanse postular presentando unha proba da súa experiencia na industria das series de televisión como guionistas (ligazón a IMDb ou historial de traballos acreditados), xunto cunha carta de motivación explicando por que desexan participar no taller.
- Prazo de presentación de solicitudes:
Convocatoria aberta para que os e as guionistas se postulen a través de EWC, con data límite de envío o 8 de agosto de 2025 a través deste enlace.
- EUROPEAN WRITERS CLUB
European Writers Club (EWC) é un programa que conta co apoio da Comisión Europea dentro da súa iniciativa Writing European. Está deseñado como unha rede colaborativa e unha aceleradora única dirixida á fortalecer a capacidade da industria audiovisual europea para crear series de ficción de vangarda entre autores/as de distintos países, que poidan atraer audiencias máis alá das fronteiras estatais e lingüísticas.
EWC aspira a ser un centro de innovación onde o talento creativo atope os azos necesarios para elevar o nivel de calidade das súas propostas e onde as canles de televisión europeas, tanto privadas como públicas, sexan a opción máis atractiva e contempladas como un único mercado.
Durante o período 2021-2024, o European Writers Club puxo en marcha catro sesións chave orientadas a impulsar a colaboración entre creadores, guionistas, produtores, canles de televisión e axencias de vendas do espazo europeo.
A Xunta de Galicia é socia desta iniciativa a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.