Share

European Writers Club. Masterclass de guión con Antoine Le Bos (Le Groupe Ouest)

A Xunta de Galicia organiza no marco do European Writers Club (EWC) a masterclass Máis aló do obvio: un novo enfoque para a concepción da historia, que Antoine Le Bos, director de Le Groupe Ouest, impartirá en Ourense o vindeiro 3 de xuño. O encontro conta coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense.

  • Lugar e horario:
    Centro Cultural Marcos Valcárcel (Salón de actos)
    Rúa do Progreso, 30, Ourense
    Sábado 3 de xuño, 17.00 horas
  • Dirixido a: guionistas, directores/as, produtores/as e profesionais da creación audiovisual.
  • Inscrición gratuíta en audiovisual.agadic [at] xunta.gal, onde pode solicitarse tamén a petición de tradución simultánea (a sesión impartirase en inglés).

Le Groupe Ouest

Le Groupe Ouest, European Film Lab, establecido nas costas do oeste de Bretaña (Francia), está a ser un espazo de referencia en Europa polos seus resultados a nivel internacional, asesorando máis de 200 guionistas de máis de 50 países cada ano e impulsando aclamadas películas gañadoras de premios en Cannes, Sundance, Berlín, Venecia ou San Sebastián.

Le Groupe Ouest tamén se converteu nun laboratorio único para novos enfoques na arte de escribir guións e a concepción de historias. Traballando xunto con investigadores no campo da neurociencia cognitiva, así como da antropoloxía ou a socioloxía, o equipo de Le Groupe Ouest sentiu a necesidade de xerar novas ferramentas de desenvolvemento en Europa, que permitan a guionistas e produtores gañar tempo e coherencia para chegar ao núcleo dun proxecto de película ou serie.

Prewriting (preescritura) é un dos seus enfoques centrais testado en ducias de países mediante o LIM (Less Is More, programa europeo de desenvolvemento de longametraxes), así como a través dos módulos Boosting Ideas do European Writers Club, entre outras plataformas.

Antoine Le Bos (director artístico de Le Groupe Ouest e LIM - Less Is More, European Film Lab) afondará no proceso de desenvolvemento do guión, observando a diferenza entre as fases de concepción e escritura e propoñendo ferramentas metodolóxicas para acelerar o proceso creativo. Entre estas ferramentas, verase máis de preto como a fase de preescritura pode mellorar tanto a creatividade como a consistencia da historia.

European Writers Club

EWC é un programa deseñado para inspirar e fomentar a colaboración entre guionistas, produtores e responsables de contido de cadeas de televisión e plataformas. O obxectivo é crear series de ficción que crucen fronteiras e cheguen ás audiencias europeas e do resto do mundo. A acción do EWC céntrase na narración audiovisual, desde o nacemento dunha idea ata a confección dunha biblia lista para a súa entrega, da que formarán parte creadores e escritores de distintas nacionalidades de Europa, en diálogo cos produtores, compañías de televisión e plataformas VOD de contido audiovisual europeo.

O proxecto EWC conta co apoio da Unión Europea a través da convocatoria Preparatory Action "Writing European". A Xunta de Galicia é socio principal nesta iniciativa xunto coa entidade Vision Denmark e, entre as institucións colaboradoras, en representación de España, atópase a Sociedad General de Autores y Editores (SGAE).