Share

European Writers Club: nova convocatoria

O programa European Writers Club (EWC), do que a Xunta de Galicia é unha das socias principais, acaba de poñer en marcha a súa nova convocatoria 2024-2025 que, baixo o título Bridging Generations/Connecting Audiences, está deseñada para asumir o desafío de achegar as xeracións máis novas ás pantallas e plataformas de televisión clásicas e facilitar a narración interxeracional entre guionistas noveis e autores con experiencia. O obxectivo secundario é explorar o potencial de adaptar a propiedade intelectual das series de televisión a outros formatos como xogos, podcast ou plataformas multimedia.

 

SESIÓN INFORMATIVA EN LIÑA

EWC organiza o venres 1 de novembro, ás 12.00 h, unha sesión informativa en liña arredor desta convocatoria á que se poderán conectar vía Zoom todas as persoas interesadas. 

 

BRIDGING GENERATIONS / CONNECTING AUDIENCES

European Writers Club abre ata o 31 de decembro de 2024  a súa nova convocatoria, dirixida a equipos de guionistas que cumpran os requisitos especificados neste enlace: https://www.europeanwriters.club/bridging-generations.

 

EUROPEAN WRITERS CLUB

European Writers Club é un programa piloto que conta co apoio da Comisión Europea dentro da súa iniciativa Writing European. Está deseñado como unha rede colaborativa e unha aceleradora única dirixida á fortalecer a capacidade da industria audiovisual europea para crear series de ficción de vangarda entre autores/as de distintos países, que poidan atraer audiencias máis alá das fronteiras estatais e lingüísticas.

EWC aspira a ser un centro de innovación onde o talento creativo atope os azos necesarios para elevar o nivel de calidade das súas propostas e onde as canles de televisión europeas, tanto privadas como públicas, sexan a opción máis atractiva e contempladas como un único mercado.

Durante o período 2021-2024, o European Writers Club puxo en marcha catro sesións chave orientadas a impulsar a colaboración entre creadores, guionistas, produtores, canles de televisión e axencias de vendas do espazo europeo.