Share

Cultura no Camiño 2026: prazo de inscrición de espectáculos e concertos

A Axencia Galega das Industrias Culturais acaba de poñer en marcha a 14ª edición do programa Cultura no Camiño, circuíto escénico e musical aberto aos concellos polos que discorren as rutas xacobeas en Galicia e que en 2026 se desenvolverá do 15 de xuño ao 31 de agosto.

Para a configuración do catálogo de espectáculos e concertos deste ano, ábrese do 20 de febreiro ao 12 de marzo o prazo de inscrición para compañías escénicas e grupos musicais, que poderán ofertar as súas  propostas a través da plataforma www.galescena.gal.
 
Poderán rexistrarse espectáculos de teatro, danza, narración oral, circo, maxia e concertos de música de calquera modalidade, producidos e distribuídos por empresas dedicadas profesionalmente ás artes escénicas ou musicais con sede, domicilio social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídas desta convocatoria as asociacións culturais.
 
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado 10 de febreiro as bases da convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para os concellos do Camiño de Santiago interesados en programar actuacións de artes escénicas e musicais ao abeiro deste circuíto autonómico. A programación de cada municipio terá que conter un mínimo de dúas actuacións e contemplará, cando menos, dúas das cinco disciplinas ofertadas.