Share

CDG LAB 2024-2025: encontro co alumnado do 1º curso da ESAD

No marco da segunda edición do CDG LAB, o Centro Dramático Galego recibirá na súa sede do Salón Teatro o alumnado do 1º curso da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. A visita terá lugar na tarde do mércores 16 de outubro.

O obxectivo é que o estudantado coñeza de primeira man os oficios técnicos do teatro e o funcionamento das infraestruturas escénicas. Con tal fin, organízase un encontro cos diferentes departamentos da compañía da Xunta de Galicia (xastrería, estrutura escénica, tremoia, iluminación, son e audiovisual), ao tempo que se percorren os diferentes espazos de traballo, como a cabina técnica, camaríns, peite, maquinaria, etc.

A visita complétase coa asistencia á función da produción Terceiro acto, que o CDG representa en Santiago de Compostela ata o 20 de outubro e coa que iniciará, a continuación, unha xira por diferentes escenarios.

O CDG LAB é unha iniciativa de colaboración posta en marcha o curso pasado polo Centro Dramático Galego e a ESAD co fin de reforzar a formación das novas xeracións de profesionais da escena. Deste xeito, a ensinanza no ámbito académico é complementada con estratexias para a adquisición de competencias prácticas.