Camiño Escena Norte: inscrición de compañías
Camiño Escena Norte, programa de intercambio cultural que conecta a produción escénica do norte da península, abre do 11 ao 21 de febreiro o prazo de inscrición para que as compañías presenten as súas candidaturas a ser parte da sétima edición do proxecto a través do seu eixe central: o Itinerario Constelacións, unha programación de teatro, novo circo, danza e artes do movemento que ofrece varias funcións de cada peza polos distintos territorios: Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra e, por vez primeira este ano, A Rioxa.
As propostas pódense presentar a través da páxina web de Camiño Escena Norte.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, vén colaborando con esta iniciativa desde os seus inicios, contribuíndo economicamente ao desenvolvemento da súa carteleira de espectáculos en diferentes localidades da nosa Comunidade.