Shorts from Galicia 2026: recepción de curtametraxes ata o 16 de decembro
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia pon en marcha o proceso de selección de curtametraxes para a próxima edición do catálogo SHORTS FROM GALICIA, que se difundirá durante 2026. Estará conformado por un máximo de seis obras finalizadas e incorporará ata tres curtas en desenvolvemento.
Ábrese ata o 16 de decembro de 2025 o prazo para a inscrición de propostas, tanto de curtas rematadas como en desenvolvemento, a través deste FORMULARIO, así como para o envío da documentación e materiais solicitados ao correo electrónico shortsfromgalicia [at] gmail.com.
No caso das OBRAS FINALIZADAS, deberanse cumprir os seguintes requisitos:
- Dirección a cargo dun/ha realizador/a de Galicia
- Primeira proxección pública con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2025 ou aínda sen estrear
- Duración máxima: 30 min
As OBRAS EN DESENVOLVEMENTO tamén deberan ser de dirección galega e, xunto coa inscrición, cómpre achegar a seguinte documentación:
- Guión finalizado
- Memoria de dirección e de produción que reflicta o estado actual do proxecto
- Plan de produción
- Compromiso asinado de finalización en 2026
- Outros materiais opcionais a ter en conta: plan de financiamento completado, cartas de compromiso, teaser, montaxe en work in progress, primeiro corte...
Un grupo de traballo nomeado pola Axencia Galega das Industrias Culturais será o encargado de seleccionar as obras deste catálogo de acordo cos criterios de calidade, diversidade e orixinalidade da proposta, así como do seu potencial en canto á participación en festivais internacionais. Unha vez rematada la selección, solicitaráselle aos titulares das obras elixidas os materiais promocionais necesarios.
A Axencia Galega das Industrias Culturais resérvase o dereito de organizar algunha actividade puntual centrada no catálogo Shorts from Galicia, sempre con fins promocionais e co obxectivo de difundir o cinema galego, sen ánimo de lucro e informando aos titulares dos dereitos das obras.