Zenit TV preestrea en Santiago o filme 'Contou Rosalía', subvencionado pola Agadic con máis de 250.000 euros
O apoio económico da Xunta materializouse a través da convocatoria de 2015 de axudas á produción audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais
A TVG estrea o mércores 16 esta longametraxe, dirixida por Zaza Ceballos e con Melania Cruz no papel da gran poeta galega
Zenit TV preestrea esta tarde no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a longametraxe para televisión Contou Rosalía, producida co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria anual de axudas á produción e coprodución audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A película conta tamén coa participación de Televisión de Galicia, que a estrea para o público o vindeiro mércores 16, véspera do Día das Letras, seguida dun documental sobre esta produción. Contou Rosalía foi presentada este mediodía no Consello da Cultura Galega por Zaza Ceballos, a súa directora e produtora executiva; Jacobo Sutil, director da Agadic; Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
Jacobo Sutil enmarcou este filme, o primeiro sobre a figura de Rosalía de Castro, na liña de producións que Zenit Televisión lles está a dedicar a grandes mulleres galegas e dentro da que se sitúan tamén Emilia Pardo Bazán, a condesa rebelde, Concepción Arenal, a visitadora de cárceres e Juana de Vega, vizcondesa do arado.
Pioneiras galegas
Nas súas palabras, todas elas son produtos culturais cun contido que “vai moito máis alá do meramente artístico”: “Amósannos o pasado recente de Galicia e fálannos do cambio social e económico que experimentamos como pobo sen perder as nosas raíces, preséntanos figuras que traballaron en prol dunha sociedade más xusta e dunha Galicia moderna, e poñen en valor o papel das mulleres nuns tempos adversos nos que se converteron, en moitos casos, en pioneiras na defensa dos dereitos humanos”, sinalou.
Para o director da Agadic, este valores –unidos á calidade do proxecto artístico e ao seu obxectivo de lle proporcionar ao gran público un contido que combina cultura, divulgación e entretemento– fixeron que esta produción fora merecedora dunha achega pública de máis de 250.000 euros, adxudicados en 2015 a través da convocatoria de subvencións da Agadic a producións audiovisuais.
Melania Cruz dálle vida á gran poetisa galega nesta historia, que recrea a súa relación con Manuel Murguía (interpretado por Fran Lareu), integrándoa nunha das obras máis innovadoras, distinguidas e descoñecidas de Rosalía de Castro: El caballero de las botas azules. Amósasenos, ademais, como unha muller apaixonada, adiantada ao seu tempo, decidida e desafiante ante limitacións de todo tipo, deixando atrás o seu estereotipo de figura triste e melancólica.
No reparto, integramente galego, atopamos tamén outros coñecidos nomes da escena e do audiovisual como Ledicia Sola, Celso Parada, Alejandro Jato, Tamara Canosa, Josito Porto ou David Perdomo.
Contou Rosalía comparte estilo coas anteriores biografías producidas por Zenit TV e a rigorosidade histórica en canto a localizacións, vestiario, dirección de arte e demais aspectos visuais. A súa rodaxe tivo lugar integramente en Galicia, con localizacións en diferentes edificios e exteriores da cidade da Coruña, así como no Pazo de Quiroga de Abegondo e nas inmediacións do Castelo do Cardeal de Corcubión.