A Xunta traballa coas principais asociacións profesionais de música nas accións fronte ao impacto do Covid-19 no sector
Román Rodríguez reuniuse mediante videoconferencia cos representantes de AGEM, Músicas ao Vivo, Clubtura, Asociación de Festivais de Galicia e Agatec para avaliar os efectos do estado de alarma nos seus respectivos ámbitos
A Consellería de Cultura e Turismo trasladoulles o seu compromiso coa axilización dos pagamentos e a implementación de medidas para a reactivación do sector tras a crise sanitaria

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza por videoconferencia cos representantes de cinco das principais asociacións profesionais de música de Galicia, no marco dos contactos que a Xunta está a manter con entidades e institucións culturais para avaliar o impacto no sector da crise sanitaria do Covid-19 e deseñar un paquete de medidas para lles facer fronte aos seus efectos.
Participaron nesta reunión José Manuel Blanco, presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM); Manuel Alonso, por Músicas ao Vivo; Alberto Grandío, presidente da Asociación Galega de Salas de Música Clubtura; Xabier Alonso, xerente da Asociación de Festivais de Galicia, e Paco de Pin, presidente da Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), ademais de Joaquín Martínez, presidente de ESmúsica, como convidado. Por parte da Consellería, asistiron tamén o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.
O conselleiro trasladoulles o compromiso da Xunta co sector para, ademais de garantirlle a axilización nos pagamentos, traballar conxuntamente na posta en marcha dunha serie de accións que favorezan a súa reactivación tras esta situación excepcional e que se adapten á evolución da crise sanitaria.
Neste sentido, destacouse especialmente o carácter empresarial da industria musical galega como dinamizadora cultural e creadora de postos de traballo, papel ao que se lle prestará especial atención no conxunto de medidas que xa está a preparar a Xunta e que, como anunciou a Consellería de Cultura, conta cunha previsión orzamentaria de 25M€ para o conxunto deste departamento autonómico.