A Xunta subvenciona o Festival Internacional de Teatro de Ourense na celebración do seu 15º aniversario con 15 propostas en cartel
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación desta edición no Teatro Principal, que acollerá o groso da programación
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia a mostra ourensá a través da convocatoria de axudas á organización de festivais de artes escénicas, que en 2022 distribuíu 200.000 euros entre 13 citas de toda a Comunidade
As compañías A Panadaría, Ibuprofeno Teatro, Mofa&Befa, Elefante Elegante, Barrosanta ou Helena Morán, que estreará o xoves 20 a súa montaxe Ingobernable, forman parte da oferta que se desenvolverá entre o 13 e o 20 de outubro

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) celebrará entre o 13 e o 20 de outubro o seu 15º aniversario cun programa conformado por 15 propostas que se repartirán entre o escenario do Teatro Principal e outros espazos da cidade. A cita ourensá conta para esta edición co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da liña de axudas á organización de mostras de artes escénicas, que na convocatoria de 2022 distribuíu 200.000 euros entre 13 certames de toda Galicia.O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa xunto á directora do festival, Fina Calleja; a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández Gil. Sutil salientou a diversa programación que o encontro lle ofrecerá ao público ourensán, cunha escolma de compañías representativa da nosa actual produción escénica.
O responsable de Industrias Culturais tamén puxo en valor a vontade do encontro para servir de espazo de intercambio entre creadores de diferentes disciplinas a través da iniciativa 67 Graos Ourense-Fervescénica. Este proxecto consiste no lanzamento de catro bolsas de creación para pezas performativas e de microteatro, para o que o prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 5 de outubro. As catro seleccionadas amosaranse no Teatro Principal o día 18 dese mesmo mes, sumándose así aos outros 11 espectáculos que conforman o cartel.
Teatro de rúa e de sala
O Festival Internacional de Teatro de Ourense desvelou hoxe un programa que inclúe tanto montaxes de sala como de rúa. A formación Arun-Run será a encargada de abrir a 15ª edición, a xeito de aperitivo na véspera da xornada inaugural, co seu percorrido polo rueiro ourensán para sorprender o público con Fitomozas.
A Panadaría, co seu espectáculo As que limpan, será a compañía encargada de abrir a programación de sala no Teatro Principal o xoves 13 ás 20,00 h. Ao día seguinte, á mesma hora e no mesmo recinto, a formación lusa Teatro Arte Imagen representará Especies Lázaro, obra que conta coa participación dos galegos Vanesa Sotelo, autora do texto, e mais de Davide González, integrante do elenco.
Xa o sábado, o Principal acollerá a representación de Alma de tigre, peza de Elefante Elegante. O domingo, o festival achegarase ao público familiar coa peza Oh-Pera, de Circo Chosco, que se poderá ver ás 12,30 h. no patio dos Maristas.
Vencellos coa cidade
Tamén forman parte do programa dúas compañías estreitamente relacionadas coa cidade das Burgas: Barrosanta, que representará a súa primeira obra, Ragazzo, o día 19 no espazo cultural Mur Marxinal, e Uxía Morán, que estreará a súa peza Ingobernable no Principal ao día seguinte.
A programación completarase durante a fin de semana con tres actuacións no escenario da rúa Paz. Así, o venres 11 chegará a quenda de Pirolíticos, montaxe de Mofa&Befa co que este dúo cómico formado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo está a xirar no seu 30ª aniversario. O sábado os arxentinos Suttotos representarán Perdón, mentres que o domingo reservarase a función de clausura para Smoke on The Water, montaxe de Ibuprofeno Teatro escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.
-Web do festival