A Xunta reforza con 575.000 euros a súa convocatoria anual de axudas a festivais de música e de artes escénicas
Increméntase nun 4,5% o investimento nestas subvencións, con 360.000 euros para os eventos musicais e 215.000 euros para os escénicos
Esta liña de apoio é unha das 57 accións do plan Xeración Cultura ao que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 34M en 2023

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases da súa convocatoria anual de subvencións a festivais profesionais de música e de artes escénicas, que incrementan a súa dotación ata os 575.000 euros, dos que 360.000 corresponden á modalidade para eventos musicais e os 215.000 restantes, aos escénicos.
Este aumento do 4,5% respecto de 2022 confirma a progresiva tendencia ascendente do investimento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades nestes encontros, certames e mostras, organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos nos seus respectivos ámbitos. Trátase, ademais, dunha das 57 accións recollidas no Plan Xeración Cultura, a través do que a Xunta inxectará 34M€ no sector cultural galego para acompañar e reforzar o seu gran momento creativo e profesional.
Prazo de solicitude ata o 17 de abril
Poden optar a estas axudas, para as que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o 17 de abril, tanto profesionais autónomos como empresas organizadoras de festivais, ademais das entidades locais no caso específico das mostras de artes escénicas. A contía máxima da subvención é de 50.000 euros por proxecto, podendo alcanzar ata o 30% do orzamento subvencionable nos eventos de música e o 60% nos escénicos.
Ademais do incremento orzamentario, as bases de 2023 introducen unha serie de cambios formais na súa redacción, así como nos criterios de valoración e nos requisitos dos eventos solicitantes. Unha destas novidades, consensuada previamente co sector, é o establecemento dun límite máximo de 16 proxectos subvencionables no caso dos festivais de música, como xeito de garantir un cofinanciamento suficiente por parte da Administración galega. Ademais, valorarase positivamente que estes eventos se adhiran ao Carné Xove, como xeito de reforzar a política autonómica de acceso da xuventude á cultura.
Todos os festivais beneficiarios deben celebrarse entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro deste ano, ter realizado dúas edicións anteriores e programar un mínimo de catro grupos ao día no caso dos de música ou de seis compañías por evento nos de artes escénicas.
Adicionalmente, os encontros musicais deben desenvolverse dentro dun único período de 15 días (dous deles consecutivos), o seu orzamento mínimo de contratación artística será o 30% do subvencionable e o 80% dos concertos ofertados teñen que ser de pago. Pola súa banda, aos de artes escénicas pídeselles un orzamento mínimo de contratación artística que acade o 40%, dentro do que o 30% ten que destinarse a artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia, ou que o mínimo do 60% da carteleira ten que ser de pago por parte do público, excepto nos festivais de rúa.
Dinamización cultural e económica
A través desta convocatoria anual de axudas en réxime de concorrencia competitiva, o Goberno galego recoñécelles aos festivais o seu papel como dinamizadores culturais e como polos de atracción turística, ademais de como plataforma de exhibición da máis recente produción musical e escénica de Galicia.
A nosa Comunidade conta actualmente cunha destacada e consolidada nómina de festivais de periodicidade anual e diferenciados en canto a temática, orientación, situación xeográfica ou temporal. De feito, o pasado ano recibiron axuda por medio desta convocatoria un total de 34 eventos, 21 deles de música e 13 de artes escénicas.