Share

A Xunta promove a produción audiovisual galega máis recente cunha nova edición do catálogo interactivo 'Films from Galicia'

A publicación recolle información de 63 títulos de ficción, animación, documentais e series de televisión, tanto de obras estreadas como en proxecto

Terá difusión a través das plataformas dos principais foros internacionais e mercados do sector

A Xunta promove a produción audiovisual galega máis recente cunha nova edición do catálogo interactivo 'Films from Galicia'

A Xunta publica unha nova edición do catálogo Films from Galicia, nunha edición dixital interactiva que recolle 63 producións e proxectos de cinema e televisión para a súa promoción nos principais mercados e foros internacionais do sector e cos axentes de vendas e distribuidores como principais destinatarios. A selección de obras, das que se ofrece información en inglés, complementa o vídeo do mesmo título, que foi estreado durante a cerimonia de entrega dos XIX Premios Mestre Mateo e que terá unha versión de duración reducida para ser proxectada nas salas de exhibición cinematográfica de titularidade galega.
 
Como cada ano, Films from Galicia recolle a meirande parte da recente produción audiovisual do país, tanto dos traballos completados como dos que están en proxecto, a partir dos datos facilitados directamente polas empresas produtoras en resposta á convocatoria lanzada para este fin a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
Para a súa presentación, as obras clasifícanse en catro grandes seccións. Así, Pics recolle 9 longametraxes de ficción rematados e 14 en desenvolvemento;  Docs, 12 documentais realizados e 11 en proxecto; Toons ofrece cinco títulos de animación de próxima estrea; e TV Series achega oito producións televisivas que xa se poden ver nas pantallas e outras catro que chegarán proximamente ás mesmas.
 
As fichas de cada un destes traballos compóñense con datos dos equipos, as sinopses argumentais e   contactos internacionais de cada produtora, así como os principais apoios obtidos polos proxectos, entre os que destacan os recibidos desde a Xunta de Galicia a través das diferentes liñas de subvención ao sector.
 
Variedade de rexistros
Films from Galiciaamosa a variedade de rexistros e temas que aborda o audiovisual galego actual, con películas que están agora en cines comerciais, que colleitaron premios e recoñecementos no ámbito nacional e internacional ou con series de televisión de éxito nas principais plataformas de consumo baixo demanda.
 
Deste xeito, nos apartados de títulos rematados integran Films from Galicia 2021 as películas CuñadosJacinto, 9 Fugas, María Solinha, Ons, Lúa vermella, Hasta el cielo, A illa das mentiras e  Eles transportan a morte en Pics;  A Cero 5, Alén da Terra, No somos nada, Escribir o imposible, Clown’s Planet, Eu tamén necesito amar, El futuro de la mente, Nación, Resonancias do pasado, O gran Camiño, A poeta analfabeta e A virxe roxa en Docs; e 3Caminos, Chegar a casa, Auga seca, Hierro, O sabor das margaridas, Método criminal, La Unidad e A lei de Santos en TV Series.
 
A visión do sector audiovisual galego que ofrece Films from Galicia complétase co catálogo Shorts from Galicia, dirixido este prioritariamente aos programadores dos festivais especializados en curtametraxes e que iniciou a súa difusión na última edición do festival de Clermont Ferrand (Francia). Nel inclúese a información e o acceso profesional á visualización dos últimos traballos de Iria Silvosa, Xacio Baño, Alberto Vázquez, Eloy Domínguez Serén, Dani Viqueira, Enar de Dios Rodríguez, Carla Andrade e Sol Mussa.

-Catálogo Films from Galicia