Share
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no acto de presentación da 21ª edición do encontro, que terá lugar en Santiago de Compostela do 10 ao 15 de marzo

Promoción do coñecemento etnográfico desde o audiovisual mediante a mostra organizada polo Museo do Pobo Galego

A sección competitiva ‘Galicia’ proxectará obras de Bea Lema, Sabrina Fernández Casas, Berio Molina, Daniel Pérez Silva e Diana Toucedo

O Goberno galego leva apoiando a celebración do certame a través da liña de axudas a festivais audiovisuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

O Museo do Pobo Galego acolleu hoxe a presentación do programa completo da súa 21ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, que volve ao encontro co público do 10 ao 15 de marzo en Santiago de Compostela a través dunha carteleira centrada na antropoloxía visual e a súa difusión a través das pantallas. A Xunta de Galicia vén apoiando ao longo dos últimos anos os contidos e obxectivos desta iniciativa no marco das subvencións para festivais audiovisuais de carácter profesional, unha convocatoria actualmente en trámite de resolución para os eventos de 2026.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, durante a súa intervención na rolda de prensa da nova edición da Mostra, nun acto compartido entre a organización do certame e demais institucións colaboradoras.

En representación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Sutil tamén incidiu no valor do medio audiovisual como garante da custodia e promoción da memoria colectiva, os costumes e a idiosincrasia de Galicia, así como da importancia da xeración e salvagarda de novos materiais neste eido que poidan chegar ás futuras xeracións. Neste sentido, subliñou a importancia das conexións estratéxicas do festival co Cineclube da Facultade de Ciencias da Comunicación da universidade compostelá ou a acción formativa realizada no marco da sección Aula da pasada edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo.

Exhibición, pensamento e creación

A 21ª edición do festival comprende unha programación que combina exhibición, pensamento e procesos creativos. Destacan nela dous proxectos de vocación e dimensión internacional: a retrospectiva coa filmografía completa de natureza híbrida e experimental cultivada por Maddi Barber, intimamente ligada ao territorio pirenaico, e un foco dedicado a Zinema Auzolanean, experiencia colectiva desenvolvida en Navarra por Hiruki Filmak, que propón unha reflexión sobre autorrespresentación, procesos comunitarios e metodoloxías compartidas.

Produción galega

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico renova tamén nesta nova entrega o seu compromiso coa produción audiovisual galega, a través dun percorrido que atinxe animación, ensaio audiovisual, cinema sensorial e propostas moi vinculadas ao territorio. El cuerpo de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; Furada Negra, de Berio Molina; A voz de tódalas cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo, son os títulos a competición que se proxectarán na Sección Galicia.

Ademais, a peza inaugural do certame o vindeiro día 10 no Teatro Principal de Santiago de Compostela será Redeiras de A Guarda, creada especialmente para o festival a partir da investigación desenvolvida pola artista sonora Acacia Ojea arredor do oficio de confeccionar e reparar as redes de pesca. O proxecto conta coa colaboración da artista visual Arancha Brandón, natural desa vila pontevedresa, para configurar unha proposta híbrida e experimental na que dialogan o rexistro sonoro, a transmisión oral e a construción visual.