A Xunta promove o audiovisual galego no European Film Market da Berlinale cunha delegación da Agadic e 17 empresas
Big Rights, Boneca Lareta, Esnatu, Ficción, Filmax, Filmika Galaika, Frida, Gaitafilmes, Matriuska, Numax, Noveolas, Ollovivo, Portocabo, Vaca, Vía Láceta, Zeitun y Zenit TV buscan acordos internacionais para os seus proxectos
A nosa industria será a anfitrioa dun evento especial, que terá lugar esta noite no Academie Lounge de Berlín coa colaboración do CLAG na súa organización
Isabel Coixet estrea este mércores en competición oficial do festival o seu filme Elisa y Marcela, rodado en varias localizacións galegas e para o que Zenit contou cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais
O noso audiovisual preséntase estes días no European Film Market (EFM) de Berlín cunha ampla delegación comercial, coordinada pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da que forman parte 17 empresas produtoras e distribuidoras. Os seus representantes traballan xa na procura de acordos de coprodución, vendas e distribución internacional dentro deste importante mercado, que se desenvolve ata o vindeiro día 15 en paralelo á 69ª edición da Berlinale.
No marco do programa autonómico de internacionalización do audiovisual galego e baixo a marca Films from Galicia, atópanse na cidade alemá os representantes de Big Rights, Boneca Lareta, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmax, Filmika Galaica, Frida Films, Gaitafilmes, Matriuska Producciones, Numax Distribución, Noveolas Producciones, Ollovivo Producións, Portocabo, Vaca Films, Vía Láctea Filmes, Zeitun Films e Zenit TV, así como do Clúster Audiovisual Galego (Clag).
Títulos galegos
As empresas galegas participan na que é a 31ª edición deste mercado, un dos máis importantes do sector a nivel mundial, con cadansúa carteira de títulos tanto en proxecto como en fase de produción ou xa rematados. Así, Gaitafilmes está a centrarse prioritariamente na procura de pechar o financiamento e de potenciais coprodutores para Welcome to ma maison, a próxima longametraxe de Andrés Goteira, mentres que Matriuska acode con tres coproducións internacionais xa en marcha, para as que busca acordos de explotación e vendas no exterior: ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres; A media voz, de Patricia Pérez e Heidi Hassan, e Mr Stevens, de César Souto.
Pola súa banda, Ollovivo atópase en Berlín cun proxecto en postprodución (EroskiParaíso, longametraxe experimental de Jorge Coira e Xesús Ron, a partir da obra de teatro homónima de Chévere) e outro en desenvolvemento (Corpo aberto, película de Ángeles Huerta que adapta un relato de terror de Xosé Luís Méndez Ferrín). No caso de Vaca Films, a pasada fin de semana tivo a oportunidade de ofrecerlles aos asistentes ao EFM varios pases do seu thriller Feedback, ópera prima de Pedro C. Alonso, que terá a súa estrea o 1 de marzo.
Outras das propostas galegas arredor das que se traballa estes días en Berlín son Aura 1964, o novo e máis persoal proxecto de Ignacio Vilar con Vía Láctea Filmes, e Tempo vertical, de Lois Patiño e produción de Zeitun Films, produtora esta última que tamén mostrará a curta Tshweesh, de Feyrouz Serhal, na Robert Bosch Film Prixe Ceremony dentro da sección Berlinale Talents.
No caso de Numax Distribución, o seu principal obxectivo en Berlín é incorporar novos filmes ao seu catálogo, ademais de contar na sección competitiva Forum da Berlinale cun dos seus filmes en circulación: A portuguesa, de Rita Azevedo Gomes.
Filmes subvencionados pola Xunta
Moitos dos devanditos títulos, como Aura 1964, Tempo vertical, ¿Qué hicimos mal?, Feedback, A media voz, Welcome to ma maison, Mr. Stevens ou Corpo aberto, contaron con apoio económico da Agadic ben a través da convocatoria de subvencións a produción, ben da de desenvolvemento de proxectos.
É tamén o caso de Elisa y Marcela, o filme co que a realizadora Isabel Coixet opta ao Oso de Ouro. Zenit TV foi a adxudicataria dunha das axudas da Agadic para a produción deste filme, que conta a historia das dúas galegas que a primeiros do século XX protagonizaron a que está considerada como primeira voda homosexual de España. Rodada en varias localizacións de Galicia e cunha destacada participación galega no equipo, a súa estrea mundial celebrarase este mércores 13 na Berlinale Palast.
Outro dos momentos importantes para o audiovisual galego nesta cita internacional, será o evento especial que terá lugar esta mesma noite no Academie Lounge. Organizado pola Agadic e o Clúster Audiovisual Galego, a el están convidados axentes de todo o mundo.
As empresas galegas contan no EFM cun espazo propio para as súas xuntanzas de traballo e a difusión das súas producións dentro do pavillón de Cinema from Spain no recinto feiral do Martin-Gropius-Bau. A Agadic forma parte desta plataforma xunto con ICEX España Exportación e Inversiones, o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e outras entidades e organismos autonómicos. Desde este espazo achégaselle tamén aos axentes de vendas internacionais a nova edición para 2019 do catálogo Films from Galicia, unha escolma de 43 producións e proxectos de longametraxes de ficción, animación e documentais, ademais de películas, series e formatos de televisión, así como o de Shorts from Galicia, dedicado ás curtas.