Share

A Xunta promove ata final de ano 13 funcións escénicas e musicais en catro concellos de Ferrolterra a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

A carteleira semestral deste circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e 37 entidades locais adheridas, ofrece cinco funcións en Narón, catro nas Pontes de García Rodríguez, tres en Ferrol e unha en Cedeira

Cigarreiras, obra de Contraproducións dirixida por Cándido Pazó a partir da obra ‘La Tribuna’ de Pardo Pazán, chega ao Pazo da Cultura de Narón con senllas funcións mañá e o sábado

A Xunta promove ata final de ano 13 funcións escénicas e musicais en catro concellos de Ferrolterra a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

 A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Xunta e 37 entidades locais adheridas, ofrecerá ata final de ano 13 novas actuacións escénicas e musicais en catro concellos de Ferrolterra. O Pazo da Cultura de Narón abrirá mañá a carteleira do segundo semestre desta programación coordinada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e farao con Cigarreiras, obra da compañía Contraproducións. Esta peza, mellor espectáculo nos premios María Casares e na que Cándido Pazó adapta para as táboas a novela La Tribuna de Emilia Pardo Bazán, representarase mañá venres ás 20,30 horas e o sábado, ás 20,00 horas.A actividade no escenario naronés dentro da devandita Rede continuará este mesmo domingo ás 18,00 horas da man de Galitoon, que lle brindará ao público familiar un espectáculo que mestura as marionetas de gran formato co teatro de luz negra: Golulá. En novembro chegará a quenda das outras actuacións artísticas que completarán a programación deste segundo semestre: a compañía madrileña Ron Lalá ofrecerá a súa obra Villa y Marte o sábado 5 e a Martins Aneiros Band actuará en concerto o día 19.
 
Danza e Teatro no Jofre
Precisamente, a compañía Galitoon será a encargada de abrir o programa semestral da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Jofre de Ferrol co citado Golulá, espectáculo que se poderá ver o domingo 30 de outubro nunha sesión matinal que comezará ás 12,30 horas. Case un mes despois, o venres 25, visitará o histórico escenario ferrolán Estudo Momento, formación escénica que traerá a súa peza 1888. A señorita Xulia, adaptación do texto de August Strindberg interpretada por Iria Ares e Xoán C. Mejuto.
 
Por último, o venres 9 de decembro o público de Ferrol terá a oportunidade de ver un pioneiro espectáculo de danza vertical: ALMA (non é hippie).Trátase dunha produción do Colectivo Verticalia, conformado polas compañías de artes do movemento Duelirium e Traspediante co apoio da produtora Pistacatro.
 
Nas Pontes e Cedeira
O programa semestral deste circuíto de exhibición de espectáculos coordinado pola Xunta complétase na área de Ferrolterra coas catro funcións previstas nas Pontes de García Rodríguez e mais en Cedeira. No primeiro concello, o seu Auditorio Municipal Cine Alovi recibirá o 4 de novembro Cigarreiras, de Contraproducións. Unha semana despois, o día 11, Gallaecia Eventos será a protagonista con Coleccionistas-A arte feita comedia, espectáculo que reúne a Marcos Pereiro, Santi Romay e Oswaldo Dijon. Divertimentos, obra de N+1 Teatro Circo Danza, visitará As Pontes de García Rodríguez nunha sesión matinal o xoves 24 e, ao día seguinte, De Ste Xeito Producións chegará coa obra Feminíssimas.
 
Pola súa banda, Cedeira programa e não saber o que me espera, homenaxe a Zeca Afonso que corre a cargo de Nacho · Faia · Lar. Este proxecto reúne a voz de Faia Díaz coa batería de LAR Legido e a electrónica de Nacho Muñoz. A cita con este tributo á música do célebre autor portugués será no Auditorio Municipal o 12 de novembro.
 
Balance anual
A Rede Galega de Teatros e Auditorios iniciou en xullo a súa programación para o segundo semestre deste 2022, durante o cal se celebrarán 201 funcións escénicas e concertos en 37 dos concellos galegos adheridos. Deste xeito, a Xunta superará no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas en 2022 dentro deste circuíto de exhibición de espectáculos, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.