A Xunta pon en marcha 'FEST Galicia en liña Xacobeo 2021' no marco do Plan de Reactivación do Sector Cultural
Destínanse 400.000 euros a esta iniciativa, que desenvolverá a partir de xullo concertos 'online' e outra serie de actividades particularizadas e consensuadas con cada unha das citas asociadas á marca
O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse hoxe cos representantes da Asociación de Festivais de Galicia e dos eventos implicados para avanzar no deseño deste programa
Ábrense así novas canles para materializar o apoio económico aos festivais de verán fronte á crise sanitaria, que está a motivar o adiamento, suspensión ou modificación das edicións de 2020
A Xunta continuará prestándolles apoio aos festivais profesionais de música de verán que integran a súa marca FEST Galicia, canalizando a achega económica a través do programa 'FEST Galicia en liña Xacobeo 2021' no marco do Plan de reactivación dos sectores cutural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19.
Cun investimento de 400.000 euros, esta nova proposta desenvolverá a partir de xullo concertos online e outra serie de actividades, particularizadas e consensuadas coa Asociación de Festivais de Galicia e con cada unha das citas integradas na iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo.
O conselleiro Román Rodríguez reuniuse esta mesma mañá cos representantes da devandita asociación e dos festivais implicados para avanzar no deseño desta programación como xeito de reformular a achega económica aos eventos FEST Galicia, que inicialmente ía materializarse en contratos de patrocinio condicionados á súa celebración baixo unha serie de criterios. Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte unha resolución de Turismo de Galicia, segundo a que esa convocatoria de patrocinio poderá ser substituída por outras canles de apoio, aplicadas a novas partidas orzamenterias, para evitar que a axuda prevista quede sen execución.
Mantense, ao tempo, esta marca transversal impulsada polo Goberno autonómico desde 2018 para promover un turismo musical sustentable e de calidade, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade e que, diante da actual crise sanitaria, estanse a ver obrigados a suspender, adiar ou modificar as súas edicións de 2020.
Apoio ás empresas produtoras
Nos últimos días, anunciaron xa o seu aprazamento a 2021 varios dos eventos FEST Galicia, como Atlantic Fest, PortAmérica, SonRías Baixas, Resurrection Fest, SinSal SON Estrella Galicia e WOS Festival. É por iso que a prioridade deste novo proxecto céntrase en apoiar economicamente as súas empresas produtoras para que o ano que vén poidan regresar cunhas edicións e carteis tan sobresaíntes como os inicialmente previstos para 2020.
Ante esta situación excepcional, 'FEST Galicia en liña Xacobeo 2021' ofrécelles unha nova plataforma de difusión para seguir en contacto co seu público cun programa coordinado de concertos en liña, prioritariamente de bandas galegas, así como doutras actividades que terán en conta as características de cada un dos eventos. A colaboración materializarase a través dun convenio entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo e a Asociación de Festivais de Galicia.
Formarán parte desta nova plataforma de difusión 13 eventos, coa incorporación do Under Fest de Vigo aos 12 encontros xa adscritos a FEST Galicia nas anteriores edicións: PortAmérica (Caldas de Reis), Resurrection Fest (Viveiro), Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia (Illa de San Simón, Redondela), 17º Ribeira Sacra (Monforte de Lemos, Sober, Castro Caldelas, Ribas de Sil e Nogueira de Ramuín), SonRías Baixas (Bueu), Revenidas (Vilagarcía de Arousa), Cantos na Maré (Pontevedra), Festival de la Luz (Boimorto), Caudal Fest (Lugo) e WOS Festival (Santiago de Compostela).