A Xunta ofrece oito actuacións escénicas en Pontevedra este semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
A programación arranca esta fin de semana no Pazo da Cultura cunha dobre sesión do espectáculo de novo circo Drop, de Pistacatro Productora de Soños
A oferta global deste circuíto cultural, organizado coas entidades locais, inclúe 329 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 40 espazos de toda Galicia
O Goberno galego incrementou un 12,5% o orzamento respecto a 2021 para a Rede e destina 574.000 euros ao primeiro semestre de actividade

A Xunta ofrece oito actuacións escénicas na cidade de Pontevedra neste semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), nas que haberá novo circo, danza, música e teatro. A programación deste circuíto cultural, organizada en colaboración co Concello, arranca este venres día 28 no Pazo da Cultura cunha dobre sesión do espectáculo de novo circo Drop, de Pistacatro Productora de Soños, ás 11,30 e ás 21,00 horas.
Drop é unha metáfora que compara os malabares coa vida. Na montaxe, catro malabaristas e un pianista convidan a vivir no mundo dos soños, no que aparecen patróns, coreografías de obxectos e debuxos no aire que representan os problemas e tarefas do día a día. A idea e dirección da peza é de Pablo Reboleiro, con Diego Anido como axudante de dramaturxia e traballo en escena. Aitor Garuz, Santiago Montero, Guillermo Porta, Pablo Reboleiro e Nacho Muñoz conforman o elenco. Este último é tamén o responsable da composición musical.
A seguinte función terá lugar o 19 de febreiro con Janet Novás e o seu espectáculo de danza Mercedes mais eu, resultado da colaboración entre esta artista e a compositora Mercedes Peón na exploración das relacións existentes entre os seus traballos de danza e de música. Un mes despois, o 19 e 20 de marzo, chegan dúas propostas musicais para público familiar da man de Uxía Lambona e a Banda Molona e de Mamá Cabra, así como o día 27, con Pesdelán. En abril o protagonista será o teatro, coa representación de Othello de Voadora o sábado 2. O cartel deste primeiro semestre péchase o 28 de maio co espectáculo E-migrantas de Kirenia Danza, espectáculo en coprodución co Centro Coreográfico Galego.
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo.
A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
O calendario completo de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galiciae da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).