A Xunta ofrece 27 actuacións escénicas e musicais na área de Ferrol ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O circuíto retoma a actividade programada en colaboración cos concellos de Ferrol, Narón, Ortigueira e As Pontes
A primeira das funcións terá lugar no Tetro Jofre de Ferrol o sábado, cun concerto do trío de jazz Sumrrá

A Xunta promove ata xuño 27 actuacións escénicas e musicais na área de Ferrol, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións organizadas en colaboración cos concellos desenvolveranse maiormente en Ferrol e Narón, ademais de en Ortigueira e nas Pontes de García Rodríguez. A carteleira con todas as funcións e horarios pódese consultar no web da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e en Cultura de Galicia.
O trío de jazz Sumrrá abre este sábado 27 a programación en Ferrol cun concerto do seu último disco 6 mulleres. Nel réndelles tributo a seis mulleres poderosas que foron e aínda son fonte de inspiración na loita dun futuro mellor para toda a humanidade. Frida Khalo, Rosa Parks, Rosalía de Castro, Quin Jin, Malala Yousafzai e Nawal El-Saadawi son as homenaxeadas nesta achega á loita feminista desde a música contemporánea.
As funcións continúan en abril con Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo, o día 9, a fascinante historia dun cantante de orquestra na Galicia dos anos 90 e as súas fillas, cuxa máxima aspiración é ser coma o seu pai. Tamén nese mes haberá danza, coa coprodución do Centro Coreográfico Galego Pink Unicorns, de La Macana, o día 16.
En maio continúa a danza, con MiraMiró, de Baal Dansa, o día 9, dirixida ao público familiar; e a música, con Guadi Galego, o día 15, nun concerto no que presentará o seu novo disco Costuras. Neste mes haberá espazo tamén para o teatro, con Daimon y la jodida lógica, de Matarile Teatro, o día 29. Finalmente, en xuño chegará ButacaZero coa súa obra 32m2, o día 4, e Diego Anido, con El alemán, o 11. Todas as funcións terán lugar no Teatro Jofre.
Narón, As Pontes e Ortigueira
Pola súa banda, o Auditorio Municipal e Pazo da Cultura de Narón ten previstas 13 actuacións da RGTA a partir de abril. A programación neste concello abrirase con Xurásico perdido, de Títeres Cachirulo, o día 11, e con Melancoholemia, de Con de Tres Pés, o día 17. Outra das funcións familiares está prevista para o 18 de abril, con Don Gaiferos, de Os Monicreques de Kukas. O derradeiro día deste mes e o primeiro de maio, Sarabela Teatro representará unha dobre función de A lingua das bolboretas.
Maio continúa co espectáculo de música de Martins Aneiros Band, o día 7; e con Quixote, de Pedras de Cartón, o día 9. Nese mes tamén se representará a obra Gloria nacional, de Teatro do Noroeste, os días 14 e 15; e Cubo, de Elefante Elegante, o día 23, dirixida ao público familiar. Finalmente en xuño terá lugar unha dobre función de Principiantes, a produción madrileña protagonizada polo actor galego Javier Gutiérrez, os días 11 e 12, e o espectáculo de música Fábrica de luz, de A Banda da Loba, o 26.
Os concellos das Pontes de García Rodríguez e de Ortigueira acollen tres actuacións cada un deles. No caso das Pontes representaranse no Auditorio Municipal Cine Alovi Curva España, de Chévere, o 26 de marzo; 32m2, de ButacaZero, o 30 de abril; e MiraMiró, de Baal Dansa, o 1 de maio. Canto a Ortigueira, as funcións previstas son As sonoridades do tango: de Bach a Piazzola, do dúo Fracanapa, o 17 de abril; O libro da selva, de Teatro Avento, o 29 de maio; e O que hai que ver, de Fulano, Mengano e Citano, o 12 de xuño.
Ademais, na área de Ferrol tamén o concello de Cedeira acolle funcións da RGTA, cunha programación de nove representacións que comezou xa a semana pasada e continuará ata xuño.
Máis de 300 actuacións en 40 concellos
Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como o programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.
[Na imaxe, o trío de jazz Sumrrá]