Share

A Xunta mobiliza 5,3 millóns de euros no sector audiovisual coa adxudicación de axudas para producir 17 novos filmes galegos

Publícase no web da Agadic a resolución da convocatoria que reparte dous millóns de euros en subvencións a 16 produtoras ou grupos empresariais

As beneficiarias este ano son Pulsa Control Z, CTV, Ollovivo, Miramemira, Vía Láctea Films, Tres LaPelícula Frida Nadir, Caretos Films, Matriuska, Xamalú, Somadrome, Nós Produtora Cinematográfica Galega, Recrea Films, Zeitun, Sombriza Films, Alfonso Vázquez Cortizo e Ladybug Films

Produciranse seis longametraxes (cinco de ficción, unha de animación e seis documentais), catro curtas e unha serie de televisión

A Xunta mobiliza 5,3 millóns de euros no sector audiovisual coa adxudicación de axudas para producir 17 novos filmes galegos

A Xunta de Galicia subvenciona este ano a produción ou coprodución de 17 novos filmes galegos a través da adxudicación das axudas da Consellería de Cultura e Turismo, o que suporá mobilizar 5,3 millóns de euros no sector, cantidade que se corresponde coa suma de orzamentos dos proxectos beneficiarios. A resolución da última convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), dotada con 2 millóns de euros, contribuirá deste xeito á chegada ás pantallas de seis longametraxes (cinco delas de ficción, unha de animación, e seis documentais), así como de catro curtametraxes e unha serie de televisión.
Na modalidade de longametraxes de ficción, subvenciónase con 234.205 euros Dibujos animados (Honeymoon), presentado por Pulsa Control Z e con dirección de Enrique Otero. Esta mesma contía é a que recibirá María Solinha, de Vía Láctea Filmes e dirección a cargo de Ignacio Vilar. Os restantes tres títulos desta categoría son O corpo aberto, de Ollo Vivo e dirección de Ángeles Huerta; Tres, proxecto da AIE Tres La Película Frida Nair, e San Simón, da produtora Miramemira. Cada un deles percibirá 253.722 euros, idéntica cantidade adxudicada á única fita de animación beneficiaria: O meu avó, da AIE Caretos Films.
 
En canto ao xénero documental, son outras seis longas as adxudicatarias: Os días calados do Sr. Stevens, de Matriuska Producciones con dirección de César Souto; Onde máis doe, de Xamalú Filmes con dirección de Manane Rodríguez; Nación, retrato de Martina, de Nós Produtora Cinematográfica Galega con dirección de Margarita Ledo; A Virxe Roxa, de Recrea Filmes con dirección de Marcos Nine; Alén da Terra, de Somadrome Films con dirección de Ruth Chao, e Kevin vs Ray, de Pulsa Control Z con dirección de Eduardo Herrero e Manuel Lemos. A cada un dos catro primeiros títulos adxudicóuselles 78.068 euros, en tanto que os dous últimos terán por esta canle de apoio 58.551 euros.
 
No apartado de formatos para televisión, Tres flores sen piedade, serie de CTV para Televisión de Galicia, baixo a dirección de Juan Galiñanes, recibirá 253.722 euros.
 
Apoio continuado
Moitos destes títulos continuarán deste xeito o percorrido cara á súa estrea co apoio da Xunta de Galicia despois de seren impulsados xa con anterioridade mediante as subvencións específicas para o desenvolvemento de proxectos. Son os casos de Dibujos animados (Honeymoon), O corpo aberto, Os días calados do Sr. Stevens, A Virxe Roxa e Kevin vs Ray.
 
Completan a relación de proxectos apoiados as curtametraxes Rompente, de Zeitun Films con dirección de Eloy Domínguez; 16 de decembro, de Sombriza Films con dirección de Álvaro Gago; Lolo da Illa, de Alfonso Vázquez Cortizo; e Non me espera ninguén, de Ladybug Films. Cada un destes catro títulos recibirá unha axuda de 15.000 euros.
 
Os datos completos da resolución destas subvencións, as de maior dotación das cinco convocatorias públicas que a Axencia Galega das Industrias Culturais destina cada ano ao sector audiovisual galego, pode consultarse nos apartados de Axudas e de Avisos do web da Agadic. A estas liñas súmase excepcionalmente a produción da serie de televisión 3Caminos, de Ficción Producciones, que conta con 1,5 M€da Xunta de Galicia como adxudicataria da convocatoria publicada en 2018 e dirixida á selección dunha obra que difunda os valores do Camiño de Santiago de cara á celebración do Xacobeo 2021. 

-Resolución en PDF