A Xunta inviste 150.000 euros no funcionamento das salas Ártika e Ensalle en Vigo e Gurugú e Teatro del Andamio na Coruña
Estes catro espazos de titularidade privada repiten como beneficiarios da convocatoria de subvencións para contribuír ao desenvolvemento dunha programación profesional de artes escénicas

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución de adxudicación das súas subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada, a través da que distribúe 150.000 euros entre os espazos vigueses Sala Ártika e Teatro Ensalle e os coruñeses Sala Gurugú e Teatro del Andamio.
Os catro locais repiten por terceiro ano consecutivo na súa condición de beneficiarios desta liña de apoio, convocada pola Axencia Galega das Industrias Culturais en réxime de concorrencia competitiva. A prioridade da convocatoria é impulsar o desenvolvemento dunha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos como xeradores dunha destacada actividade ao servizo da difusión das artes escénicas.
Segundo a resolución publicada na web da Axencia, a sala Ártika (na imaxe) volveu acadar a máxima puntuación, en base á que recibirá unha subvención de 53.083 euros, seguida de Teatro Ensalle cunha achega de 50.378 euros, Teatro del Andamio con 26.783 euros e Sala Gurugú con 19.784 euros. Estas contías deben destinarse a cubrir os gastos vinculados coa súa programación, como remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade. Así mesmo, se considera subvencionable ata o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.
Como en anos anteriores, para a concesión das axudas creouse unha comisión de avaliación que tivo en conta criterios como a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a pertenza á Rede Galega de Salas o ano pasado. O proxecto presentado, con aspectos como o número de funcións ou a programación de compañías galegas, foi outra das cuestións valoradas, así como o plan de comunicación e de xestión de públicos, os recursos humanos implicados, a viabilidade económica e a porcentaxe de axuda solicitada con respecto ao orzamento.
-Máis información