A Xunta impulsa un programa de apoio ás salas de cinema galegas cunha dotación de 120.000 euros

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Jacobo Sutil, reuniuse con representantes das salas de exhibición de cinema de titularidade galega para confirmarlles a posta en marcha dun programa de apoio dotado con 120.000 euros e para sentar as bases de futuras colaboracións con este colectivo. O obxectivo é o de contribuír desde a Xunta de Galicia a minimizar os efectos da pandemia sanitaria nestes espazos de exhibición, que se están a ver afectados tanto na afluencia de público como na estrea e circulación de películas.
Á xuntanza, na que tamén participou Dolores Meijomín, coordinadira de Política Audiovisual da Agadic, asistiron representantes dos cines Avenida (Caldas de Reis), Códex (Lugo), Dúplex (Ferrol), Los Cantones (A Coruña), Minicines Central (A Estrada), Númax (Santiago de Compostela) e Salesianos (Vigo).