A Xunta impulsa con máis de 170.000 euros cinco incubadoras e laboratorios audiovisuais
A plataforma Ventura, o programa Agapi Impulsa Copros, o eSe 8 Lab, o Intersección Lab e o Conecta Lab son as iniciativas que reciben as axudas
O obxectivo é favorecer a creación e o desenvolvemento de novos proxectos de cinema e televisión
Esta liña de apoio incorporouse de xeito extraordinario ao programa de subvencións ao audiovisual galego da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para 2024, dotado con preto de 6,7 millóns de euros
A Xunta de Galicia acaba de publicar a concesión de 173.397 euros en axudas a cinco entidades audiovisuais para a organización de laboratorios, incubadoras ou residencias de formación e asesoramento tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión. A platafoma Ventura, o programa Agapi Impulsa Copros, o eSe 8 Lab, o Intersección Lab e o Conecta Lab son as iniciativas subvencionadas.
Esta liña de apoio incorporouse en 2024 de xeito extraordinario ao programa anual de axudas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina ao sector. Así, as nove convocatorias deste ano suman unha dotación de 6,7 millóns de euros para dar cobertura a todo o proceso audiovisual: desde a escrita de guións, o impulso aos novos talentos e os traballos de preprodución, ata a produción e rodaxe, pasando polo labor das salas de cinema e os festivais, e a promoción do noso cinema en foros de negocio e mostras internacionais.
En concreto, esta convocatoria para laboratorios, incubadoras e residencias entronca nos seus obxectivos coa tamén nova liña para a escrita de guións e coas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, todas elas centradas na fase previa á rodaxe dos filmes ou series. Neste caso, o obxectivo é contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.
Proxectos solventes e con gran potencial
Os cinco proxectos apoiados contan cunha sólida traxectoria e articúlanse como propostas innovadoras para darlles resposta ás necesidades do sector e dos seus profesionais como un dos requisitos incluídos nas bases.
Unha destas iniciativas é a plataforma internacional Ventura que, desenvolvida pola Asociación Cultural Enfoques e vinculada ao festival Play-Doc de Tui, se dirixe a cineastas e produtoras que centran o seu labor na realización de películas independentes cunha forte visión artística.
As subvencións apoian tamén o labor que levan a cabo neste eido dous festivais coruñeses: a (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico para a súa incubadora eSe8 LAB, a través da que organiza xornadas de titorización e asesoramento, residencias artísticas e unha aula de formación, e o Intersección Festival Internacional de Cine para o Intersección Lab, onde profesionais galegos da dirección, o guión e a produción con residencia contan cun espazo de apoio á creación, de asesoramento e mentorías.
Dentro das entidades sectoriais, reciben subvención a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA para o Conecta Lab e as súas actividades de acompañamento no proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series; e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) para o Agapi Impulsa Copros, un programa gratuíto de asesoría personalizada para creadores e creadoras menores de 30 anos que queiran mellorar e orientar no seu financiamento proxectos de coprodución para cinema e televisión.