A Xunta financia con máis de 130.000 euros a actividade de sete salas de cinema que suman 20 pantallas en seis localidades
Publícase a concesión da liña de subvencións destinada á modernización e xestión sostible destes espazos, á creación e fidelización de públicos e ao desenvolvemento dunha programación diversa e inclusiva
Na valoración dos proxectos prestóuselle especial atención ao labor de exhibición de producións galegas, así como de dirección feminina ou novel
A Xunta de Galicia acaba de publicar a resolución de concesión da súa convocatoria anual de subvencións a salas de cine, a través da que contribúe con máis de 130.000 euros á actividade de sete espazos de exhibición cinematográfica para facilitar a súa adaptación aos novos hábitos no consumo audiovisual asociados ao crecemento das plataformas dixitais. Os destinatarios destas axudas son os Cines Avenida de Caldas de Reis, Minicines Central da Estrada, Duplex Cinema de Ferrol, Codex Cinema de Lugo, Multicines Compostela e Numax de Santiago de Compostela, e Multicines Norte de Vigo, que programan filmes de forma estable nun total de 20 pantallas e suman máis de 2500 butacas.
Trátase da cuarta convocatoria anual consecutiva desta liña de apoio, coa que o Goberno galego incentiva especificamente a programación de cine galego e de películas europeas ou doutros países con baixa representación na cota de pantalla, así como campañas para a atracción de públicos e o establecemento de prezos especiais para a infancia, a xuventude e as persoas maiores
A través desta vía, a Xunta incide en tres eixes de acción: dixitalización e aplicación das novas tecnoloxías, adopción de medidas de desenvolvemento sostible e impacto ambiental positivo; iniciativas destinadas á fidelización e captación de públicos e á configuración dunha programación diversa e inclusiva.
Faise fincapé, por exemplo, na inclusión e no reto demográfico á hora de chegar a novas audiencias e a colectivos específicos, así como na diversidade da oferta cinematográfica tamén en canto a xéneros e formatos ou á programación de obras de dirección feminina ou de dirección novel.
Estas subvencións contan co financiamento dos fondos Next Generation EU e Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e entroncan nos seus obxectivos co eixo do Plan Xeración Cultura destinado á innovación, dixitalización e modernización, que terá o seu impulso normativo coas futuras leis de cultura inclusiva e de cultura dixital.