Xuntanza coa Galicia Design Week para explorar vías de colaboración cara ao evento que terá lugar na Coruña do 17 ao 24 de maio

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuníronse cos promotores da Galicia Design Week, Marta González Rivas e Alejandro Rico Caramés, nunha primeira xuntanza para achegar posibles vías de colaboración entre a Xunta de Galicia e este evento artístico multidisciplinar que celebrará a súa sexta edición na cidade da Coruña do 17 ao 24 de maio.
Arquitectura, animación, audiovisual, branding, dirección creativa e de arte, gráfica, editorial ou fotografía son só algunhas dás áreas que abrangue este encontro como único festival de deseño do noroeste peninsular, integrado á súa vez na organización internacional World Design Weeks e organizado de xeito híbrido (presencial e dixital) baixo criterios de sustentabilidade. O seu obxectivo é poñer en valor un sector profesional e cultural de relevancia social e empresarial creando comunidade, amosando boas prácticas, fomentando colaboracións, xerando proxectos, formando novas xeracións e abrindo o deseño galego ao exterior. Nas súas cinco edicións anteriores teñen participado máis de 50.000 persoas a través de conferencias, presentacións, exposicións, talleres, proxeccións, experiencias gastronómicas e sesións musicais.