Xunta e Escena Galega ofrecen un curso formativo sobre a xestión das subvencións públicas ao sector
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, e o xerente da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega, Diego V. Meizoso, abriron hoxe na Cidade da Cultura de Galicia un curso formativo sobre xestión, tramitación e xustificación de subvencións ao sector, ao que asiste unha vintena de representantes de compañías e produtoras deste ámbito. A iniciativa insírese no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e Escena Galega para este ano, dentro do apartado concreto de formación, consultaría e capacitación profesional.
Cun enfoque eminentemente práctico, iniciou a xornada como docente Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro, para abordar as axudas actuais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude á creación e á distribución escénica, consideradas polo colectivo como as vías de financiamento público máis básicas para as compañías galegas. As canles de apoio convocadas polo Ministerio de Cultura tamén son obxecto de análise na mesma sesión. Neste caso, Gustavo del Río, de Os Náufragos Teatro, asume a explicación das dirixidas a teatro e circo e Caterina Varela, de La Macana, a das destinadas a música, lírica e danza.